Site icon Crónica3.com A Mariña

Neves Cando acusa ao PP de Burela de vivir lonxe da realidade

BURELA (FNC) .- A teniente de alcalde e concelleira de Benestar Social, Neves Cando considera que “como xa nos ten acostumados desde hai tempo o PP de Burela vive lonxe da realidade e só aterriza de vez en cando aquí para sacarse a foto e no caso do temporal de xaneiro tamén”. A edil nacionalista segue a explicar que “despois de que se anunciase desde o Goberno galego xa no primeiro momento que se ían adoptar medidas urxentes para o financiamento dos danos ocasionados por este temporal e despois de que se aprobase no Consello da Xunta do 29 de xaneiro un decreto urxente de medidas extraordinarias é agora canto se entera o PP de Burela de que hai que tomar medidas”.

Cando di que “xa as distintas ordes das distintas consellerías do goberno galego farán fronte a estes danos ocasionados polo temporal. Temos que falar dos 3.800.000 euros da Consellería de Industria para os negocios, industrias e comercios que se viron afectados; dos 4 millóns de euros de Medio Rural para as explotacións agrícolas e gandeiras, a falla da orde que regule as destinadas ao forestal; dos 4 millóns de euros de Política Territorial para estradas e establecementos afectados en terreos de portos; do millón de euros de Presidencia para Concellos e para facer fronte aos danos persoais e do preto dun millón de euros de Vivenda e Cultura e Deporte para as vivendas e as instalacións deportivas que resultaron danadas. En total arredor de 14 millóns de euros que de maneira eficaz e rápida o Goberno galego puxo a disposición para paliar os danos que os afectados sofriron por ese temporal de xaneiro”.

A concelleira do BNG pregúntase “¿é onde estaba o PP de Burela que non se enterou disto?. Desde un primeiro momento xa estivemos actuando, porque aquel luns pola mañá cando no Concello estábamos acabando de avaliar os danos causados polo temporal xa as distintas administracións se puxeron en contacto con nós para solicitarnos unha valoración destes danos e asumilos, como foi o caso da Consellería de Cultura de Deporte e desta mesma área na Deputación de Lugo, que no caso de Burela nos pediron unha avaliación dos danos causados no noso campo de fútbol de A Marosa”.

Neves Cando insiste en que “actuouse dunha maneira rápida e eficaz e o PP de Burela máis obediente aos mandatos do seu partido obsesionado con esa fórmula da zona catastrófica, máis obediente ao seu partido que a outra cousas pois solicitou a celebración deste pleno extraordinario para pedir unha serie de axudas que estaban en marcha. Parece que os efectos do temporal lle afectaron tamén ao PP de Burela que aterrizou tarde, mal e arrastras neste tema porque a verdade é que ao mellor hai outros temporais internos que os teñen máis ocupados”.

Exit mobile version