NOTA DE PRENSA
GALIZA NOVA COLOCA PANCARTAS NA COMARCA DA MARIÑA PARA ANIMAR Á MOCIDADE A VOTAR AO BNG O VINDEIRO 1 DE MARZO.
A primeira das pancartas foi colocada en Foz, co lema A forza da mocidade move este País, á que seguirán outras co mesmo lema en distintas localidades da Comarca.
A Mariña, 21 de febreiro de 2009. Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, irrumpiu nas últimas horas na campaña electoral da comarca da Mariña coa colocación dunha pancarta na subida dos institutos de Foz, adicada directamente á mocidade. Esta foi a primeira das pancartas que se van colocar ao longo de toda a comarca coa finalidade de chamar á atención da xente moza sobre a importancia de dar o seu voto ao BNG o vindeiro 1 de Marzo.
Segundo explican desde a organización xuvenil nacionalista “ para Galiza Nova e para o BNG a mocidade é fundamental no noso País, e non só de cara ás citas electorais; senón como a forza de futuro da nosa Nación”. Continúan dicindo que “ proba da importancia que o BNG dá á mocidade e ás políticas nesta materia, foi que cando esta formación accedeu ao goberno creou unha Dirección Xeral de Xuventude, dependente de Vicepresidencia, que levou a cabo políticas propias e tamén transversais dentro doutras Consellerías.”
Este tipo de políticas son fundamentais para un país que aspira a que a xente moza poida producir e traballar na súa terra, sen necesidade de marchar fóra para lograr un emprego digno. Manifestan desde Galiza Nova na Mariña que “ só o voto ao BNG pode garantir que se trate a mocidade co respecto que se merece, con políticas propias deseñadas para conseguir máis avances nesta materia”.
Xa se teñen feito importantes actuacións na comarca da Mariña, como a creación dun centro Quérote en Burela, dentro da Rede de Centros de Asesoramento Afectivo Sexual; a posta en marcha de locais de ensaio para a xente moza dentro da Rede Galega de Locais de Ensaio, como o que se puxo en marcha en Ribadeo…; ademais de outras políticas transversais na Consellería de Vivenda, como a política de rehabilitación, alugueiro e construcción de vivenda protexida; na Consellería de Medio Rural, que logrou a incorporación de máis de 4600 mozos e mozas ao rural galego ou a mellora dos contratos dos investigadores e investigadoras a través da Consellería de Innovación e Industria.
Conclúen desde as mocidades do BNG cunha mensaxe de ánimo para a mocidade mariñá: “ Co BNG no goberno da Xunta os intereses da mocidade están presentes e atendidos. Só unha forza política que entende a mocidade como un sector da poboación con necesidades propias pode facer fronte ás demandas da xente moza.”
Por iso, animan a toda a mocidade a acudir masivamente a exercer o seu dereito a voto o vindeiro 1 de marzo e a apostar pola única opción que garante a atención á xente moza, o BNG.