Site icon Crónica3.com A Mariña

Estudan crear nas rías de Viveiro e O Barqueiro a maior reserva mariña de Galiza

A MARIÑA .- Representantes da Concellería de Pesca, Ministerio de Medio Ambiente e representantes do sector dos profesionais do mar mantiveron en Celeiro unha reunión de traballo na que estudaron a creación dunha reserva mariña nas rías de Viveiro e O Barqueiro. A xestión desta zona protexida será compartida entre o goberno central e a administración autonómica, xa que se está a traballar nun proxecto que afectará a augas interiores e exteriores de Galicia. Pola delimitación xeográfica coa que se traballa de partida e que implica que esta reserva mariña poida ser a de maior extensión das creadas ata o de agora na nosa comunidade autónoma.

Nota de Prensa

Pesca, Ministerio e sector traballan na creación dunha reserva mariña na ría de Viveiro e O Barqueiro

A xestión desta zona protexida será compartida entre o Goberno central e a Administración autonómica, xa que se está a traballar nun proxecto que afectará a augas interiores e exteriores de Galicia

Para iniciar o procedemento de creación da reserva constituíuse un grupo de traballo, formado por representantes dos profesionais do mar das confrarías de Celeiro e O Vicedo e no que tamén participan técnicos de Pesca, para avanzar no desenvolvemento desta iniciativa

Coa creación dunha reserva mariña nesta área costeira quérese seguir a estela das postas en marcha en Lira e Cedeira

O director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, xunto con técnicos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e o subdirector general de Conservación de los Recursos Litorales y Acuicultura do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, José Manuel Sánchez Mora, mantiveron esta tarde na sede da Confraría de Pescadores de Celeiro unha xuntanza de traballo con representantes deste pósito e máis do Vicedo. O obxectivo deste encontro foi abordar co sector a situación na que se atopa o proxecto de creación dunha reserva mariña nas rías de Viveiro e O Barqueiro.

No transcurso da reunión acordouse que a xestión da futura reserva mariña será compartida entre o Goberno central e a Administración autonómica, así como os gastos derivados da súa posta en marcha. De feito, a presenza do representante do Ministerio nesta reunión vén motivada porque se está a traballar nun proxecto que afectará a augas interiores e exteriores de Galicia e polo tanto a xestión debe ser conxunta.

Ademais, analizouse a delimitación xeográfica coa que se traballa de partida e que implica que esta reserva mariña poida ser a de maior extensión das creadas ata o de agora na nosa comunidade autónoma. Así mesmo, acordouse continuar o proceso de implementación para o desenvolvemento desta zona protexida para o que seguirán manténdose os contactos entre o sector e as dúas administracións.

Orixe da iniciativa
A iniciativa de crear unha reserva mariña nas rías de Viveiro e O Barqueiro nace da proposta da confraría de pescadores de Celeiro e do Vicedo e tamén do impulso do departamento que dirixe Carmen Gallego. Os antecedentes desta actuación remóntanse a un proxecto presentado en 2007 polo sector de Celeiro, ao amparo da orde de axudas a proxectos colectivos da Consellería, para a construción, instalación e seguimento de arrecifes artificiais na zona comprendida entre Os Netos e Punta Roncadoira. O obxectivo era dar impulso e potenciar o sector pesqueiro de baixura, un dos principais focos de desenvolvemento nesta comarca lucense.

Unha vez estudado o proxecto por parte de Pesca decidiuse, en consenso cos impulsores da medida, que a opción máis axeitada sería unha reserva mariña que contase coa implicación dos profesionais do mar. Este cambio na actuación a levar a cabo obedeceu ás características da zona e da frota e ás necesidades dos pescadores da área de influencia.

A partires dese momento, creouse un grupo de traballo interno que está constituído por representantes dos sectores de produción da pesca artesanal e o marisqueo de ambas as dúas confrarías (Celeiro e O Vicedo) e no que técnicos de Pesca actúan como asesores e catalizadores do proceso. O seu traballo consiste en analizar os aspectos de interese que conflúen na zona, así como establecer a delimitación, as actividades e usos permitidos e medidas de mellora estimadas para a xestión dos recursos mariños. Toda a información que xera este grupo de traballo e os acordos acadados servirán para formular a proposta final ás administracións competentes.

Seguir a estela de Lira e Cedeira
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén traballando dende os últimos tres anos, en estreita colaboración co sector pesqueiro de varias localidades costeiras, na aplicación de novos modelos de xestión que revirtan a actual situación de sobreexplotación en determinadas pesquerías e o momento económico dos diferentes sectores produtivos da pesca artesanal.

Así, as reservas mariñas de interese pesqueiro constitúen o paradigma destes sistemas de xestión, baseados na participación e a involucración dos pescadores e no exercicio dunha pesca responsable e respectuosa co medio ambiente mariño.

Este camiño, que entende a xestión pesqueira dun xeito sostible, iníciase no ano 2007 coa creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos” de Lira, a primeira de Galicia, á que lle seguiu hai apenas unhas semanas a creada na Ría de Cedeira. Con este mesmo fin e para seguir a estela destas dúas localidades, a Administración galega traballa agora mesmo nos proxectos da Ría de Viveiro e O Barqueiro, así como nos de augas exteriores de Cedeira, Aguiño e Camelle.

A creación de reservas mariñas atópase entre as principais actuacións postas en marcha pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos na presente lexislatura como modelo sostible de xestión pesqueira. De feito, na nova Lei de Pesca de Galicia, o departamento que dirixe Carmen Gallego introduciu como novidade as figuras das áreas mariñas protexidas, de acondicionamento mariño, de repoboación ou as reservas mariñas coa finalidade de preservar o medio no que se desenvolven os recursos.

Exit mobile version