Site icon Crónica3.com A Mariña

En Burela 32 familias gozan dos seus novos fogares

BURELA (FNC) .- A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, asegura que “as cousas fanse ben e hoxe en Burela hai máis de 20 familias que xa teñen nas súas mans as chaves das súas novas vivendas”. Así resposta a edil nacionalista ás críticas verquidas nas últimas horas polo grupo municipal do PP relativas ao suposto retardo co que se entregaron os pisos construídos na zona de O Torno. Neves Cando sinala que “algo que debe saber todo o mundo é que o PP nos 15 anos que gobernou no Concello de Burela sempre puxo escusas para non construír este tipo de vivendas de promoción pública para familias que non poden acceder aos prezos das vivendas libres. Desde o BNG unha e outra vez, ano tras ano, insistíamos na necesidade de contar con este tipo de inmobles porque así se viu que eran necesarias e só a finais de 2006 se construíron estas 32 vivendas”.

A concelleira de Benestar Social engade que “coma o PP nunca estivo pola labor, descoñece os trámites que hai que levar adiante para entregalas definitivamente e fala por falar. Agora acúsannos de facer un acto electoralista entregando onte estas vivendas e gustaríame saber ¿que lles diría o PP aos adxudicatarios se estando todo resolto non as entregáramos ata marzo despois das eleccións para que ao PP non se lle parecese un acto electoralista?”.

Neves Cando manifesta que “onte fixemos a entrega das chaves e dos documentos de compra-venda e aluguer das vivendas de promoción pública construídas na zona de O Torno. Trátase de 32 vivendas, 6 en réxime de compra-venda e o resto en réxime de aluguer que foron adxudicadas a outras tantas familias de Burela que a partires de hoxe xa poden gozar delas”. A concelleira do BNG di que “só 6 desas vivendas aínda foron sorteadas a semana pasada porque se produciron outras tantas renuncias desde a adxudicación e o sorteo definitivo. Despois de facer todos os trámites administrativos oportunos, despois de sortealas entre os adxudicatarios e despois de agardar a que esas persoas expresaran a súa vontade de aceptar ou non a vivenda, a semana pasada preparouse toda a documentación na notaría e onte foron asinados os contratos correspondentes e entregadas as chaves das vivendas. En todo momento os veciños adxudicatarios estiveron informados de todo o proceso, porque semanalmente eu en persoa solicitáballe información á Consellería de Vivenda para coñecer a evolución dos trámites e a resolución definitiva”.

Exit mobile version