NOTA DE PRENSA:
O Concello de Cervo acumula toneladas de residuos nas inmediacións do campo de fútbol de San Ciprián
Actos coma estes, danan a imaxe do Concello de Cervo e os intereses dos veciños
Dende o Grupo Municipal Socialista de Cervo, quixéramos manifestar publicamente o noso malestar pola pouca sensibilidade que amosan os nosos dirixentes locais polo medio ambiente. Cónstanos que son coñecedores de que o entorno do campo de fútbol de San Cibrao xa fai tempo que se converteu nunha especie de escombreira dos residuos que se xeran nas distintas obras que se veñen executando no pobo e que son de competencia exclusivamente municipal.
Polo tanto, esta vez, os mandatarios populares non se poden escudar na deixadez dos veciños nin culpar ós distintos construtores que veñen executando obra privada.
Na actualidade atopámonos con todo tipo de residuos. Parte deles precisan un tratamento específico pola súa composición e así atopamos restos de aglomerado revolto con terra vexetal, botes con restos de pintura, plásticos, etc.
Os socialistas queremos saber se o Concello de Cervo ten razóns convincentes para manter o entorno das instalacións deportivas neste lamentable estado. Tamén queremos saber cal é a imaxe que dende o Concello se pretende ofrecer a todos aqueles que durante o fins de semana achéganse as inmediacións do campo de fútbol, pois a parte do “feísmo” que supón, o espazo que tiña que estar adicado e acondicionado como aparcadoiro, está facendo de escombreira.
Pedímoslle ao concelleiro de Medioambiente, o Sr. Basanta e ao alcalde de Cervo que se impoña o sentido común e se retire de inmediato todo o lixo que no citado lugar está amontoado, e por suposto, que busquen un lugar axeitado para depósito de residuos para as próximas obras que se acometan no pobo.
Non é de recibo nin de exemplo, que mentres os veciños de Cervo ven coma se incrementan as taxas pola recollida de lixo, os nosos mandatarios fagan do concello un vertedoiro incontrolado.
Axuntamos fotos onde se pode comprobar a presenza de tódolos residuos que acabamos de comentar.