CERVO .- O Concello de Cervo atendeu dende o luns da pasada semana 216 consultas de persoas interesadas en solicitar axudas polos danos derivados do ciclón Klaus. Nesta primeira semana dende a publicación no DOGA das distintas ordes de axudas públicas, a grande maioría de cervenses acercáronse ás dependencias municipais para informarse dos prazos, trámites e documentos que deben aportar para formalizar oficialmente as súas solicitudes; polo que se prevé que a cascada de peticións oficiais no servizo de Portelo Único municipal comece a producirse a finais desta semana e principios da vindeira.
A gran maioría de consultas atendidas ata o momento (173) están relacionadas con danos en tellados, cornixas, fachadas, etc… de vivendas particulares e edificios; mentres que o resto refírense ás axudas da Consellería de Industria (32) por danos en establecementos comerciais; e da Consellería de Medio Rural, por danos en explotacións forestais, agrícolas e gandeiras (11).
OMIC
Ademais destas consultas, ata o momento se teñen formalizado 97 reclamacións oficiais na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) contra a empresa BEGASA solicitando desta subministradora de enerxía eléctrica compensacións económicas polos corte de luz sufridos durante o temporal.
RECONTO DE DANOS
Por outra banda, o Concello mantén en funcionamento dende o pasado día 26 de xaneiro unha oficina para recabar información dos danos do Klaus no termo municipal. Ata o momento son 120 as persoas particulares e empresas que se teñen achegado a estas dependencias para facilitar un reconto dos seus danos. O montante total dos danos valorado polos propios afectados ascende a 698.000 euros; dos cales 300.000 corresponden a valoracións feitas por empresas; mentres que o resto (398.000 euros) son de particulares.
Segundo os datos desta oficina, a maioría de danos denunciados (70%) son debidos a desperfectos na vivenda e pola falta de subministro eléctrico (perda de alimentos). O resto de danos reportados son pola inactividade profesional e comercial a causa da falta de electricidade (20%); e por danos forestais (10%)