CERVO .- A oficina municipal de atención aos damnificados polo temporal que habilitou o Concello de Cervo informará e colaborará na tramitación das distintas axudas que se poidan ir aprobando co obxecto de compensar os danos provocados polo temporal que, o pasado sábado 24 de xaneiro, afectou dun xeito especialmente virulento ás distintas localidades cervenses.
No día de onte o Diario Oficial de Galicia publicaba unha primeira batería de ordes reguladoras destas axudas. De especial relevancia son as relativas aos danos provocados nas vivendas e nas súas instalacións complementarias (hórreos, alpendres, …), a relativa aos danos nas explotacións agrícolas e gandeiras e aquela destinada a compensar os estragos producidos nos establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís.
PRAZO DE SOLICITUDE UN MES
Desde a oficina municipal lembraron que a maior parte das axudas complementarán as cantidades non cubertas polos seguros particulares así como tamén adiantan que o prazo de solicitude remata dentro de un mes, contado a partir do día de hoxe.
AXUDAS INSUFICIENTES
O Executivo municipal valorou como “insuficientes” as axudas da Xunta coñecidas onte. Como apoio a esta afirmación indicou que tan só en remodelar as salas de reunións do Consello da Xunta, Touriño gastou unha cantidade similar á cuarta parte do total das axudas que o Goberno galego destina aos damnificados polo temporal, uns 17 millóns de euros. Ao mesmo, desde o Concello de Cervo cuestionouse a complexidade administrativa e excesivo rigor burocrático das axudas xa que pode provocar que moitos veciños non soliciten as súas correspondentes compensacións, circunstancia que a maiores vese agravada polo feito de que a Administración autonómico tan só habilitou unha oficina en Burela, e exclusivamente para informar das axudas que concede a Consellería de Industrial. Precisamente para evitar iso o Concello decidiu colaborar na tramitación das axudas co seus medios e con persoal municipal.
OS DANOS SUPERAN OS 400.000 EUROS
Ata o momento máis dun centenar de veciños achegáronse ata o Concello de Cervo para deixar constancia dos danos provocados polo temporal nos bens da súa propiedade, así como tamén, para informarse sobre as distintas axudas contempladas para compensalos. O valor dos estragos comunicados ascende xa a 415.882 euros, unha cifra que pode supoñer un 10% do total dos danos producidos no conxunto do termo municipal con ocasión do temporal do pasado día 23 de xaneiro.
Precisamente esta cifra, que se aproxima ao medio millón de euros é unha mostra máis do insuficiente das axudas da Xunta que nas ordes publicadas no día de onte no DOGA non inclúe achegas destinadas a compensar os danos provocados pola interrupción do subministro eléctrico (perdas nos conxeladores, refrixeradores, … etc) nin tampouco o prexuízo provocado a empresas e establecementos comerciais polo peche ou a perda de negocio -lucro cesante- ante a falta de electricidade.
LIBERAR AS PISTAS FORESTAIS
Por outra banda segundo informou o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que nestes días está a manter varios encontros cos veciños da zona rural: Rúa, San Román, Castelo, Trasbar, A Senra, …etc todos eles déronlle conta da mala situación na que se atopan os montes, as pistas e os camiños particulares, moitos deles, obstruídos polas árbores caídas co temporal. Precisamente esta circunstancia é óbice para reclamar, unha vez máis, que tanto Xunta como Goberno central acheguen os medios técnicos e humanos precisos para colaborar nas labores que se teñan que desenvolver nestas explotacións forestais co obxecto de recuperar a normalidade.