Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela pon en marcha campañas sanitarias para potenciar o consumo de leite e a hixiene bucal

BURELA (FNC) .- A Delegación de Sanidade do Concello de Burela organiza varias campañas para potenciar o consumo de lácteos nos rapaces e para conciencialos da importancia dunha hixiene bucal óptima.

A primeira campaña, segundo Sonia Fraga, “consistirá na entrega dun envase de yogurt líquido a cada neno/a que está a cursar infantil e primaria nos colexios de Burela. Eses rapaces deberán ter unha autorización dos pais para poder consumir estes iogures dous xoves ao mes sen ningún tipo de custe para eles”. A edil socialista sinala que “o que pretendemos deste xeito é potenciar o consumo de produtos lácteos entre os rapaces”.

E a segunda campaña que comezará o vindeiro luns 16 de febreiro “suporá a entrega a cada neno que se quede a xantar nos comedores escolares dun colutorio bucal dun só uso. Dito colutorio serálles entregado aos nenos de primaria polas coidadoras do comedor todos os días do que resta de febreiro e tamén durante o mes de marzo para conciencialos da importancia dunha hixiene bucal óptima”, segue a contar Sonia Fraga. A concelleira de sanidade insiste “na necesidade de cepillar os dentes despois de cada comida e de enxaugar polo menos unha vez ao día a boca con colutorios bucais para combater a caries ou outras enfermidades a corto e longo prazo”.

Estas dúas campañas foron dadas a coñecer por Sonia Fraga e polo alcalde, Alfredo Llano. A Delegación de Sanidade de Burela traballa xa na preparación de máis actividades para o resto do curso escolar.

Exit mobile version