BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, ven de anunciar que asinará o convenio que lle remitiu hai uns días a Consellería de Política Territorial para tentar desbloquear a parálise urbanística que sofre o concello. Fuente Parga sinala que “despois de falar cos xuristas do Concello e de revisar ese convenio presentado por Política Territorial e despois de cruzar hoxe mesmo unhas palabras co presidente da Deputación de Lugo, nós cremos que pode e que vai ser oportuno asinar este documento porque cremos que a intención de Política Territorial é a de solucionar o problema este. Están na boa liña, é dicir, a conselleira está moi involucrada con este tema e con ganas de resolver todo este problema que se creou en Barreiros e o Concello, como non podía ser doutro xeito, tamén está na mesma liñaa e entón a día de hoxe o único que está pendente é poñer o día para firmar cando a conselleira e o presidente da Deputación teñan un oco nas súas axendas”.
O rexedor barreirense cre que “a disposición e o acordo é total e só queda que nos poñamos a traballar todos. Estamos agora tres administracións que temos unha responsabilidade que asumimos con ese convenio e a traballar. As dúbidas que eu tiña fundadas pois quedaron despexadas e creo que a Consellería de Política Territorial neste caso está na boa liña, nun senso positivo para que a actividade económica de Barreiros destas obras tire para adiante en base a garantir servizos evidentemente, e nese sentido é no que vamos traballar”.
Expedientes administrativos
Alfonso Fuente asegura que “ese convenio recolle unha serie de compromisos. O Concello fará unha análise da situación previa ó Plan Xeral e ese documento consensuado con Política Territorial será o que máis adiante poderá legalizar esas obras ou retirar eses expedientes administrativos”. O alcalde engade que “é un documento de intencións para poñernos a traballar nesa liñaa e espero que en breve vexamos os seus frutos. Eu quería saber cal era a intención das administracións asinantes e creo que é boa, hai boa actitude por parte da Consellería e por eso tiramos para adiante porque cremos que pode ser unha solución”.
O compromiso do Concello coa firma deste convenio pasa por realizar ese informe previo “e por adxudicar, contratar ou licitar o Plan Xeral antes de abril. Hai uns prazos que traballaremos arreo para cumprilos conscientes de que evidentemente partimos con que é pouco probable que se poida cumprir ter aprobado o Plan Xeral en 14 meses. Estamos vendo que hai concellos que levan algún ano na elaboración destes plans, pero si partimos de 14 meses e o conseguimos en dous anos pois benvido sexa”. O alcalde segue a contar que “Política Territorial se pon a disposición do Concello para colaborar na redacción destes documentos e se compromete a modificar o decreto de suspensión si o Plan Xeral está dentro da lei do solo. E pola súa banda a Deputación Provincial ofrece asesoramento xurídico e técnico consciente das limitacións que poida ter o Concello de Barreiros e tamén se compromete a que os plans provinciais de obras vaian dirixidos a conseguir esa carencia de servizos que poida existir nalgún punto”.
Alfonso Fuente manifesta que “despois das conversas que mantiven onte e hoxe creo que é un paso importante para desbloquear isto. Xa dixen moitas veces que falando enténdese a xente, chegamos a acordos e para adiante”.