BARREIROS (FNC) .- O Concello de Barreiros asumirá o arranxo dos danos causados polo temporal no pavillón do Colexio de San Miguel que os nenos levan 10 días sen poder empregar.
O alcalde, Alfonso Fuente, anuncia que “desde o Concello imos proceder a arranxar os estragos que sufriu o pavillón do Colexio de San Miguel onde se levantaron unhas chapas no tellado o día do temporal e vai facer 10 días que os nenos non poden entrar alí”. Fuente Parga engade que “diante da falla de resposta da Consellería de Educación asumimos nós ese arranxo desde o Concello e con persoal municipal procederemos mañá, senón chove, a realizar as obras pertinentes. Nós xa actuamos nos edificios que son da nosa competencia tal e como ocorreu coa gardería que estivo un día pechada para solventar os problemas que alí tamén causou o temporal”.
O rexedor barreirense considera que “as Consellerías deberían ofrecer respostas máis rápidas a estes problemas. Hai que facer os arranxos de inmediato porque non se pode ter ós nenos dez días sen poder usar un pavillón”.