Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro afirma que Touriño incumpriu con Foz

NOTA DE PRENSA:
O candidato socialista á Presidencia da Xunta comprométese agora a estudar a creación do PAC de Foz despois de votar ata en cinco ocasións en contra desta reclamación e negarse a recibir aos integrantes da Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública
TOURIÑO PRETENDE “TOMAR O PELO” AOS VECIÑOS DE FOZ E DA MARIÑA PROMETENDO AGORA AQUILO QUE INCUMPRIU NA LEXISLATURA QUE REMATA

* Balseiro Orol afirma que Pérez Touriño esquece que “non todo vale por estar en campaña electoral” e lémbralle ao dirixente socialista que os veciños da Mariña teñen boa memoria e non se deixaran enganar polos artífices dos incumprimentos que propiciaron catro anos de deterioro do sistema público de saúde na nosa comarca.

A Mariña, 26 de febreiro de 2009.- Para o número tres da candidatura do Partido Popular de Galicia na nosa provincia, Jose Manuel Balseiro Orol o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño pretende tomar o pelo aos veciños de Foz e do resto da Mariña prometendo agora aquilo que incumpriu na lexislatura que remata.

PAC DE FOZ

Segundo se desprende das informacións recollidas en diversos medios de comunicación Touriño comprométese agora a estudar a creación do PAC (Punto de Atención Continuada) no concello de Foz despois de votar en contra desta reclamación ata en cinco ocasións no Parlamento de Galicia. O candidato socialista xunto co resto dos integrantes do Grupo parlamentario do PSOE e do BNG na Cámara autonómica negaron este servizo médico reclamado polos veciños de Foz, incumprindo a promesa efectuada na pasada campaña electoral tanto por Touriño como por Quintana e comprometida por escrito en varias cartas dirixidas á Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública. A maiores de todo isto, o candidato socialista negouse a recibir no seu despacho oficial da Xunta ou no Parlamento pese a telo reclamado formalmente.

Balseiro Orol afirma que Pérez Touriño esquece que non todo vale por estar en campaña electoral e lémbralle ao dirixente socialista que os veciños da Mariña teñen boa memoria e non se deixaran enganar polos artífices dos incumprimentos que propiciaron catro anos de deterioro do sistema público de saúde na nosa comarca.

NON HAI XESTIÓN, FALEMOS DE FUTURO

Ao mesmo tempo o dirixente do PPdeG lamenta que Touriño teña que falar do corredor da costa (VAC) e do abastecemento conxunto de Cervo e Burela como compromisos de futuro, tras converterse ambas actuacións en manifestos incumprimentos e obras pendentes na lexislatura que remata. De feito, a vía de alta capacidade entre Ferrol e San Ciprián non ten nin un só quilómetro en construción na nosa provincia, pola desidia e a falta de investimentos do actual Goberno da Xunta, e as obras de abastecemento levan un retraso considerable pola paralización que, nun primeiro momento e tras acceder o bipartito ao Goberno de Galicia, sufriu o proxecto sen ningún tipo de fundamento ou mellora técnica significativa.

Balseiro reclama que a partir do primeiro de marzo Touriño se dedique a outra cousa e non a enganar aos veciños da Mariña que xa coñecen a súa tendencia a prometer o que despois non cumpre cando se trata da nosa comarca.

Exit mobile version