BURELA .- O persoal dos servizos de limpeza dos hospitais de Galiza anunciaron a convocatoria dunha folga indefinida a partir do 27 de febreiro se a patronal continúa co incumprimento dos acordos en materia económica para este ano. Os traballadores e as traballadoras deste servizo levarán a cabo concentracións en todos os hospitais do País dende o mércores 18 para reclamar que a patronal faga efectivos os pagos correspondentes ao recoñecemento do segundo grao da carreira profesional.
O paro afectará a uns 1.200 traballadores e traballadoras de todo o País e a todos os hospitais cabeceiras de comarca, agás o hospital do Salnés e o de Verín, así como aqueles centros de saúde que teñan recoñecida a equiparación salarial do persoal de limpeza. Tamén queda excluído da folga o Hospital Xeral Cíes de Vigo, xa que a empresa concesionaria do servizo si está a cumprir o acordo retributivo.
Débedas económicas co persoal
Rubido explicou que a patronal adebeda a cada traballador/a entre 600 e 800 euros de atrasos económicos por mor da aplicación do segundo grao da carreira profesional ao persoal de limpeza das contratas privadas. Estes colectivo de traballadores e traballadoras conseguiu a equiparación co persoal laboral da Xunta do grupo E en xaneiro do 2008, polo que os novos conceptos que se aplican a este colectivo teñen a súa continuación no persoal das empresas privadas.
A este respecto hai que sinalar que a Asociación Profesional de Empresas de Limpeza, ASPEL, que ten asignadas practicamente a totalidade das contratas do servizo de limpeza do SERGAS, asinou un acordo cos sindicatos no que recoñece o dereito dos traballadores/as ao segundo grao da carreira profesional. Non obstante, logo de catro xuntanzas no Consello Galego de Relacións Laborais, ASPEL continúa a incumprir o acordo en materia económica, polo que finalmente se tomou a decisión de recorrer a medidas de presión.
Os sindicatos apuntaron tamén á responsabilidade subsidiaria do SERGAS e reiteraron que a falla de entendemento que poida existir entre as empresas privadas e a administración, no referido á materia económica, non a teñen que pagar os e as traballadores/as. “Non estamos pedindo nada que non nos corresponda, o que queremos é que se aplique un acordo que xa está asinado pola patronal”, afirmou Paulo Rubido.
Concentración das traballadoras e traballadores de limpeza do Hospital da Costa de Burela (empresa “Acciona,f.s”) na porta do hospital o mércores ás 10:30h.