SANTIAGO .-A Asociación ecoloxista ADEGA considera que os ecoloxistas no poden quedar á marxe dos procesos sociais, conscientes de que as eleccións van condicionar o panorama ambiental de Galicia durante os próximos catro anos. Por esta razón consideran que se deben valorar os programas electorais e os feitos de cada partido cando gobernan e apoiar aqueles que teñen un compromiso e unha práctica respectuosa co Medio Ambiente.
NOTA DE PRENSA.
Un dos cometidos do ecoloxismo é concienciar a maioría da poboación, incluída a clase política, para que as decisións que se tomen estean en liña co desenvolvemento sustentábel. Portanto, os e as ecoloxistas non podemos ficar á marxe do proceso social dunhas eleccións que van condicionar o panorama ambiental durante os próximos catro anos.
Os/as ecoloxistas non somos quenes tomamos as decisións políticas que inciden directa ou indirectamente no ambiente, e de selo, as nosas actuacións estarían tamén condicionadas por outras necesidades e demandas sociais. Xa que logo, as decisións políticas nunca van coincidir exactamente cos posicionamentos ecoloxistas, senón que responderán aos intereses dunha maioría social ou dos sectores con maior capacidade e influenza.
Hai moitas ofertas e diferentes alternativas políticas para escoller entre as que se presentan, e tamén podemos optar por non votar, ou o que é o mesmo, deixar que outros elixan por nós. Se como membros activos da sociedade optamos pola segunda vía, pola vía da participación, e queremos elixir a quen nos vai gobernar, non resulta indiferente unha ou outra formación política. Poderemos elixir entre as que estean máis próximas ás propostas ecoloxistas, ou que cando menos estean máis dispostas a escoitarnos, ou entre as que xa amosaron coa súa práctica o pouco que lle importa o ambiente. Nestes intres, dun abano de forzas que compiten para acadar representación no Parlamento, tres son coñecidas polas súas actuacións en postos de responsabilidade.
En moitas ocasións, ADEGA foi crítica co actual goberno como corresponde a unha organización ecoloxista independente, pero non podemos esquecer que con respecto a hai catro anos, a situación medioambiental ten millorado cuantitativa e cualitativamente nalgúns aspectos. Non abonda nin moito menos co que se fixo, o que tamén expresamos publicamente reiteradas veces: unhas para lamentar que non se tomaran iniciativas máis valentes e comprometidas co ambiente, outras para reprochar non ter reparado as desfeitas do goberno anterior. Pero o que de ningunha maneira ADEGA consideraría coherente sería voltar atrás, ás políticas insustentábeis e depredadoras que provocaron en moitos casos danos irreparábeis. Se facemos memoria, os exemplos son numerosos: incineración de residuos, ríos inzados de minicentrais, plano acuícola ocupando media Rede Natura litoral, desfeita urbanística na costa, eólicas ubicadas a eito por especuladores que ameazan aos veciños coa expropiación, eucaliptización masiva, falta de diálogo coas organizacións ecoloxistas…
Eramos conscientes de que mudar esta situación ía ser difícil. Reconducir o estado caótico no que se encontraba o noso ambiente é un traballo que vai requerir da implicación da sociedade e das forzas políticas, e tamén de moito tempo. Por iso sería desexábel, imprescindíbel, un compromiso global e inaprazábel coa Terra por parte das forzas con representación no vindeiro Parlamento de Galiza.
Como sempre, ADEGA continuará apoiando aquelas iniciativas que nos parezan máis coincidentes cos obxectivos do ecoloxismo e denunciando as que poñan en perigo o noso desenvonvemento sustentábel. Dende ADEGA, unha organización ecoloxista con máis de 33 anos de presenza en Galiza, facemos finalmente un chamado para que na reflexión sobre o voto se teña tamén en conta ao ambiente e a protección do territorio.