Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA asegura que a reforma da Lei de Costas permitirá a compravenda de edificacións no dominio público

Vista desde Burela da costa de Foz e Barreiros

A MARIÑA .- A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) asegura que unha reforma da Lei de Costas permitirá a compravenda de edificacións no dominio público. Según Adega, ao expirar a concesión das casas construídas antes de 1988 en dominio público “o estado resérvase o dereito de tanteo, mais ao ser “transmisíbel” a propiedade, as vivendas revalorízanse aumentando os prezos das expropiacións e facendo que moitos expedientes non sigan adiante ao ser inviábeis economicamente”. Actualmente permitirase vender e mercar casas construidas dentro do dominio público con anterioridade a 1988, cando entrou en vigor a Lei de Costas.

Nota de Prensa

MACHETAZO DE ESPINOSA Á LEI DE COSTAS

Aprobada unha reforma encoberta que permitirá a compravenda de edificacións no dominio público

3 de febreiro de 2009. Medio Ambiente ven de modificar a Lei de Costas através de dous apartados (disposición adicional cuarta) da Lei de Navegación Marítima Marítima, norma que nada ten que ver co ambiente nen co litoral. Agora permitirase vender e mercar casas construidas dentro do dominio público con anterioridade a 1988, cando entrou en vigor a Lei de Costas.

Até hoxe, as casas construidas no dominio público antes de 1988 tiñan unha concesión por 30 anos ampliábeis a 60, e non podían ser vendidas. Agora, ao expirar a concesión o estado resérvase o dereito de tanteo, mais ao ser “transmisíbel” a propiedade, as vivendas revalorízanse aumentando os prezos das expropiacións e facendo que moitos expedientes non sigan adiante ao ser inviábeis economicamente. Deste xeito, dificultarase a recuperación do dominio público convalidando legalmente algúns dos escandalosos desastres urbanísticos perpetrados na costa durante a década dos 80.

Esta trécola legal lembra moito á modificación encoberta da Lei de Costas feita polo PP en 2002 mediante o caixón de sastre da “Lei de Acompañamento”, que reducía de 100 a 20 m a servidume de protección se o terreo estaba considerado como urbano. Esta foi outra das causas do desastre urbanístico litoral dos últimos anos, ao ceder de facto aos concellos a xestión da costa, que moitos executaron mediante recualificacións encobertas.

O departamento da Sra. Espinosa amosa novamente unha clara falta de transparencia na xestión ambiental, xa que esta medida foi tramitada en comisión e non será debatida no Pleno do Parlamento. Confírmase portanto a perda de peso das políticas ambientais fronte ao produtivismo e os lobbys especulativos, xa denunciada polos colectivos ecoloxistas cando se refundiron nun ministerio as competencias pesqueiras e agrícolas coas ambientais.

As políticas valentes encetadas por Cristina Narbona para liberar o dominio público e recuperar as servidumes no litoral sofren agora outro decepcionante retroceso, despois de que en 2008 outro decreto permitira ás instalacións (nomeadamente as piscifatorías) seguir ocupando por outros 28 anos máis o dominio público evitando o retranqueo ao que obriga a Lei de Costas.

Polo que atinxe á Xunta, ADEGA pregúntase onte está o prometido Plano de Ordenación do Litoral diante do inminente remate (17 de maio de 2009) da moratoria dos 500 m establecida na Lei de Medidas Urxentes. Imos asistir a unha nova vaga urbanizadora na costa, desta volta da man da obra pública? Todo parece indicar que, coma noutras tantas ocasións, o Medio Ambiente vai ser quen pague as consecuencias da crise.

Exit mobile version