Site icon Crónica3.com A Mariña

A mellor garantía para a defensa dos intereses de A Mariña é o BNG, asegurou Fernando Blanco en Foz

NOTA de PRENSA

O cabeza de lista por Lugo participou na cea-mítin de arranque de campaña en Foz con 350  militantes e simpatizantes

FERNANDO BLANCO AFIRMA QUE O BNG “É A FORZA POLÍTICA EN ASCENSO NA MARIÑA”

Defende a “valentía” de moitas das decisións tomadas polo BNG na Xunta nestes catro anos como o Banco de Terras ou o decreto eólico, “que por primeira vez na historia deste país vai beneficiar a colectivos como os labregos, as cooperativas ou as comunidades de montes”

Foz, 6 de febreiro. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, afirmou onte en Foz que “a forza política en ascenso na Mariña é o BNG”. O candidato nacionalista, que participou xunto a máis de 350 persoas nunha cea-mitin de arranque de campaña no Hotel Leyton de Foz, augurou uns “magníficos resultados” para o BNG en toda Galiza e “especialmente na provincia de Lugo” e mostrouse convencido de que o BNG vai “conquistar novos espazos” o 1 de marzo e pediu á implicación de toda a base social do BNG para “chegar a toda a xente”.

No acto, no que tamén interviron Manuel Parga, número 3 do BNG ao Parlamento galego pola provincia de Lugo, e Balbino Fernández, que ocupa o posto número 5 da lista, Fernando Blanco dixo que “a mellor garantía para a defensa dos intereses da comarca da Mariña é o BNG” e dixo estar seguro de que a partir do 1 de marzo haberá “máis BNG e máis nacionalismo no Goberno para que poida seguir habendo máis cambios transformadores para o país e políticas pensadas para o apoio dos sectores produtovos da Mariña”, unha comarca á que se referiu como “o motor económico da provincia de Lugo”.

Fernando Blanco fixo ademais un chamamento á participación nas eleccións do 1 de marzo porque, dixo, “son unhas eleccións importantes para o BNG e importantes para Galiza” porque “o proxecto de transformación e cambio profundo no país que iniciamos hai catro anos ten que continuar”. O candidato nacionalista defendeu a “valentía” de moitas das decisións tomadas polo BNG na Xunta nestes catro anos. “Moitas das nosas medidas nestes catro anos xeraron polémica porque son proxectos transformadores e valentes que este país precisaba e os do BNG atrevímonos a poñelos en marcha”, dixo Fernando Blanco, que se referiu a medidas como o Banco de Terras, a Lei de Vivenda ou o decreto eólico.

Neste sentido, Fernando Blanco mostrouse orgulloso de que “por primeira vez a enerxía vaia quedar neste país e vaia redundar nun beneficio para o conxunto dos galegos e galegas”. Así, o candidato nacionalista defendeu que labregos, gandeiros, cooperativas e comunidades de montes sexan os principais adxudicatarios dos concurso eólico. Ademais, defendeu a participación pública no sector, onde a Xunta e os Concellos van a recibir a través deste decreto préto do 15% dos beneficios que xeren os parques eólicos.

Exit mobile version