Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación comprométese a poñer céspede artificial no campo de fútbol do Cembedo en Viveiro

LUGO .- A Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a través da Área de Deportes, lembra que o deputado Antonio Veiga adquiriu un firme compromiso, ratificado e consignado nos orzamentos previstos para o ano 2009, no que se prevé dotar de céspede artificial o campo de fútbol do Cembedo (Viveiro). Con todo, aclarar que no mencionado presuposto, se inclúen en concepto de “transferencias de capital aos concellos” aproximadamente 1.150.000 euros. Pero, ao mesmo tempo, non aparecen reflectidas as cantidades e as obras ás que se destinarán eses recursos, polo que só é visible esta “cifra xeral”. Nesta liña, salientar que o delegado de Deportes, Antonio Veiga comentou en varias ocasións que a súa área estimou necesario o investimento duns 440.000 euros para a consecución do proxecto. O que supón a utilización dunha porcentaxe da partida destinada a tales fins.

O pasado mércores 4 de febreiro, aprobouse no pleno do Concello de Viveiro unha moción, impulsada polo seu alcalde, Melchor Roel Rivas, na que se propón a construción dun novo complexo deportivo na zona de Lavandeiras. Un proxecto que, a priori, Antonio Veiga considera inviable tanto a medio como a longo prazo. No transcurso do acto, Roel Rivas asegurou que as achegas previstas para a colocación do céspede artificial no campo do Cembedo, “asignadas supostamente” pola Área de Cultura e Deportes, “non existían”. Para difundir tal feito, o alcalde de Viveiro botou man dun documento elaborado pola interventora da Deputación onde consta que non figura ningunha axuda destinada á mellora dese espazo deportivo dentro dos orzamentos previstos para o vindeiro ano. Algo que non se axusta á realidade xa que, as subvencións da Área de Deportes se agrupan por regra xeral, nunha única partida e non están especificadas de xeito tan meticuloso neste documento.

Ante tal difamación, Antonio Veiga vese na obriga de recalcar novamente que, no Capítulo VII dos orzamentos aprobados pola Deputación Provincial de Lugo para o ano 2009, aparecen consignados máis de 1.150.000 euros, en concepto de “transferencias de capital a concellos”. Aclarando con especial énfase que, nesa partida e de xeito non nominativo se inclúen diversos proxectos entre os que se atopa a mellora do campo de fútbol. Para o delegado de Deportes, este é un xeito máis de “terxiversar a verdade, crear controversia e manipular ao pobo viveirense, desacreditando publicamente o compromiso adquiro polo Área de Deportes da Deputación coas entidades deportivas viveirenses”.

Por último, resaltar que o proxecto de reposición do céspede no campo do Cembedo tomou forma por petición expresa das Escolas de Fútbol de Viveiro e de numerosos veciños e veciñas. A climatoloxía e a súa situación, a carón do mar, impiden que a herba medre de xeito natural. Polo que, a única solución viable é a instalación dun campo artificial. A comezos do mes de marzo do ano pasado, o delegado de Deporte, Antonio Veiga realizou unha visita ao lugar, onde se comprometeu a “dotar o antes posible de céspede artificial ao campo de fútbol”. Unha obriga moral adquirida e, materializada nos orzamentos previstos para o 2009, aínda que non de xeito nominativo. Salientar pois, que a Área de Cultura e Deporte cumpriu coas expectativas creadas e agarda que as obras se poidan realizan o antes posible, sempre e cando, o Concello de Viveiro as autorice.

Exit mobile version