Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de emprego do concello de Burela oferta dous cursiños de informática

BURELA (FNC) .- A delegación de Emprego e Formación de Burela oferta un curso de informática on-line no que se abordarán “conceptos e cuestións coma word, excell, access, power point. Terá 30 horas de duración e será a distancia. Vai haber unha plataforma virtual cun monitor todos os días para resolver calquera tipo de dúbida entre os que o realicen”, explica Sonia Fraga. A edil socialista engade que “a maiores os mércores e os venres haberá dúas titorías cun monitor presencial no Centro de Formación para que os interesados poidan asistir a estas citas e solventar todos os problemas que lles puideran xurdir ao longo da semana”.

Sonia Fraga sinala que “este curso de informática on-line está dirixido a traballadores en activo. Organizámolo en colaboración coa Academia Postal e está financiado polo Fondo Social Europeo. O que pretendemos é que a xente traballadora poida ir sumando máis cursos ao seu curriculum”.

O prazo de inscrición para participar neste curso que comezará en breve estará aberto ata o venres 27 de febreiro. Na actualidade, segundo a concelleira de Emprego e Formación, “hai 17 persoas apuntadas. Os que desexen anotarse poden facelo no Centro de Formación e deben levar sendas fotocopias do DNI e da última nómina”.

Banco de tempo

Por outra banda, o Concello de Burela, a través do banco de tempo, oferta entre as persoas que están dadas de alta neste servizo un curso de iniciación básica á informática que será impartido por un dos usuarios de dito banco. Sonia Fraga di que “é a primeira petición que se fixo. Sabemos que o banco de tempo é un servizo de pedir e servir, ou sexa que no momento no que ti demandas algo tamén podes ofertar algunha cousa. Empézase con esta actividade porque foi a máis demandada durante meses polos usuarios do banco de tempo”.

O curso desenvolverase todos os luns entre as 19:30 e as 20:30 horas no Centro de Formación. A persoa que o impartirá recibirá doutro dos usuarios do banco de tempo de Burela unhas clases de técnicas de masaxe “tal e como ambos acordaron”.

A responsable de Emprego e Formación anuncia que “este cursiño tamén se ofertou ás asociacións do Concello por si queren asistir e sobre todo para inculcar a existencia do banco de tempo e que poida seguir anotándose a xente que estea interesada”.

Exit mobile version