Site icon Crónica3.com A Mariña

Vivenda propón comprar 8 vivendas e financiar a rehabilitación de 21 en o Celeiriño

VIVEIRO .- A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, presentou á corporación municipal de Viveiro unha proposta para solucionar a situación dos veciños de Celeiriño afectados polo deterioro das súas vivendas. Taboas propón a adquisición de 8 novas vivendas para entregar ás familias afectadas polo deterioro dos seus inmobles e o financiamento das obras de rehabilitación doutras 21 vivendas.
Fonte

A Consellería de Vivenda e Solo presenta unha proposta para solucionar a situación do barrio do Celeiriño
As actuacións consistirán na adquisición de 8 novas vivendas para entregar ás familias afectadas polo deterioro dos seus inmobles, e na financiación das obras de rehabilitación doutras 21 vivendas

Os terreos das 8 vivendas que hai que demoler irán destinados a equipamentos públicos

Táboas explicou á Corporación Municipal de Viveiro as actuacións previstas pola Consellería, que será aprobada polo Consello da Xunta unha vez reciba o visto e prace do Goberno local e das familias afectadas
Viveiro, 13 xaneiro 2009.- A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, presentou hoxe á corporación municipal de Viveiro a proposta deste Departamento para solucionar a situación dos veciños de Celeiriño afectados polo deterioro das súas vivendas, o que suporá un investimento total de 1.503.2165 euros que xa están reservados con cargo aos orzamentos de 2009.

Táboas explicou que a proposta da Consellería prevé unha resposta para as familias afectadas polo deterioro dunha parte significativa dos edificios do Barrio do Celeiriño. Nese sentido, e en base aos informes remitidos no seu día polo Concello de Viveiro, a proposta da Consellería inclúe unha dobre actuación: por unha banda darlle resposta ás vivendas máis afectadas e que por razóns de seguridade deben ser demolidas.

Neste caso a proposta do Departamento autonómico pasa por subvencionar a adquisición de oito novas vivendas para entregar ás familias propietarias dos oito inmobles que se atopan en estado de total deterioro. O investimento total previsto ascende a 873.216 €, é dicir, 109.152 € para cada vivenda, contía que se corresponde co prezo que ten unha vivenda protexida de prezo xeral no Concello de Viveiro.

O Concello de Viveiro será o responsable de buscar e adquirir estas oito vivendas en colaboración coas familias afectadas e a Consellería abonará o importe ao Concello unha vez que presente os correspondentes compromisos de contrato de compravenda. A cambio os propietarios deben ceder as actuais vivendas ao IGVS, organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Solo, co obxectivo de que o Departamento autonómico poda exercer as accións legais que considere oportunas ante a empresa promotora presuntamente responsable do deterioro destas vivendas. Os terreos destas oito vivendas que serán demolidas irán destinados á dotación de equipamentos públicos.

Por outra banda, segundo os informes presentados polo Concello, existe un segundo grupo de 21 vivendas afectadas que precisan obras de rehabilitación. Para este segundo grupo a proposta da Consellería pasa por sufragar os gastos de rehabilitación destes inmobles con axudas de ata 30.000 € por vivenda, o que supón un investimento total previsto de 630.000 €. Neste caso, o Concello deberá emitir un informe acreditativo de que esta é a solución máis acaída para estas vivendas.

A conselleira Teresa Táboas salientou que o seu Departamento estivo traballando nas últimas semanas para buscar a mellor proposta desde o punto de vista xurídico, tendo en conta que se trata de un problema ocasionado por unha empresa privada a uns particulares, e que esta fórmula que hoxe presentou á Corporación municipal xa conta con informe positivo por parte da comisión de secretarios.

Táboas tamén salientou que as actuacións recollidas na proposta da Consellería teñen a declaración de urxencia “ para poder facelas efectivas á maior brevidade”. Neste sentido indicou que pode ser aprobada no Consello da Xunta do vindeiro 22 de xaneiro, unha vez que o Concello explique aos veciños en qué consiste a proposta da Consellería e que se reciba a aprobación tanto do goberno local como das familias.

Exit mobile version