Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación e as ANPAS de Lugo colaboran en actividades para os máis novos

LUGO .- A Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Cultura e Deporte, púxose en contacto coas asociacións de ANPAS de Lugo (Asociacións de Nais e Pais e Alumnos) para proporlles desenvolver de forma conxunta, o programa de actividades que se porá en marcha ao longo do ano nos seus centros. Esta colaboración, permítelles aforrar ás distintas ANPAS todos aqueles trámites administrativos e burocráticos necesarios para a solicitude dunha determinada axuda económica que sufrague en boa medida, os gastos derivados da posta en marcha deste proxecto. Ata o de agora, uníronse a este plan e recibiron a documentación pertinente unhas 240 asociacións.

Achegar actividades descoñecidas ou pouco habituais no seu entorno aos rapaces e rapazas de toda a xeografía lucense é un dos obxectivos que tanto a Vicepresidencia como as ANPAS teñen moi ben definido e acoutado. Para ambos, a modo de exemplo, a lectura desenvolve un papel fundamental na educación dos máis novos e, pódese fomentar, adecuando as distintas actividades á realidade existente na zona, seleccionado a máis axeitada para cada contexto. Trátase pois, de complementar na medida do posible as actividades que se realizan fóra do ámbito escolar, deseñando un programa igualitario que atenta á diversidade existente en todas as comarcas lucenses.

A pesares de que o proxecto aínda se atopa en fase de elaboración, a inclusión de sendas actividades para os pais faise realidade ao incluír, polo de agora só dun xeito verbal, varios cursos de formación que contribuirían a mellorar notablemente a relación cos nenos e nenas. No canto aos máis pequenos, a animación, as actividades culturais e o fomento á lectura servirán de esqueleto para o deseño da programación.

Pero, este propósito non é algo novo. O ano pasado, a Área de Cultura e Deportes da Deputación puxo en marcha tres proxectos cunha temática e intencionalidade moi semellante: “Cultura sobre rodas”, “Contocontigo” e “Tirilucus”. A lectura e o teatro foron os principais protagonistas das tardes dos meses de verán en todos os concellos lucenses.

Exit mobile version