Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 40 persoa viaxarán dende Portugal para a homenaxe aos náufragos do Rosamar

BURELA (FNC) .- Preto de 40 persoas, entre familiares e autoridades, viaxarán desde Portugal para asistir mañá en Burela á homenaxe que a vila lle renderá aos falecidos e aos desaparecidos no naufraxio do Rosamar ocorrido o pasado 5 de decembro. Segundo o alcalde burelés, Alfredo Llano, “veñen de Vila do Conde e de poboacións limítrofes e tamén viaxa con eles desde Vigo o Cónsul de Portugal”.

Ás 12:15 terá lugar unha ofrenda floral no porto de Burela. Llano di que “si o tempo o permite unha lancha da Cruz Vermella ou de Salvamento Marítimo sairá un pouco ao mar para tirar unha coroa de flores na súa memoria. Senón fose posible o que faremos será lanzala no mesmo porto. E despois ás 13:00 horas temos unha misa na igrexa parroquial de Burela”.

Confraría de Pescadores, empresa armadora do Rosamar e Concello ofreceranlle un xantar a esa expedición que viaxará desde Portugal para asistir a esta homenaxe “queremos tamén ensinarlles un pouco Burela para que, dentro do posible, se leven a mellor imaxe da nosa vila”.

Alcaldes e representantes das confrarías de pescadores da Mariña asistirán a estes actos que se desenvolverán mañá sábado en Burela.

Exit mobile version