BURELA .- Veciños afectados polo plan sectorial de Vivenda en Burela din sentirse defraudados “pola falla de sensibilidade do goberno burelés ante as nosas peticións de paralizar a aplicación do Plano en Burela”. Os veciños anuncian que “en próximos días estudaremos as futuras medidas a adoptar, porque consideramos que é precisamente a partires de agora cando máis e máis decididamente temos que velar polos nosos intereses”
Nota de Prensa
NOTA DE PRENSA DA PLATAFORMA DE AFECTADOS DE FOXO POLO PLAN SECTORIAL DO SOLO DA XUNTA.
Os propietarios de Foxo que nos sentimos afectados polo Plan Sectorial do Solo da Consellería de Vivenda vémonos defraudados pola falla de sensibilidade do goberno burelés ante as nosas peticións de paralizar a aplicación do Plano en Burela.
Consideramos que no pleno do pasado martes o alcalde non deu ningunha explicación que nos faiga pensar que os nosos dereitos van ser respectados, e ademais entendemos que quedou perfectamente claro que se nos ocultou información de forma deliberada. Polo tanto, temos a seguridade de que nin o alcalde nin a tenente de alcalde van facer nada para axudarnos, porque nada fixeron hasta agora. E a mostra máis palpable do desinterés é que o alcalde foi incapaz de decir a porcentaxe exacta de afectados que presentaron alegacións, primeiro dixo un oitenta por cento e inmediatamente dixo un sesenta por cento.
Igualmente, temos que decir que nos sorprendemos polas manifestacións, feitas por Remedios López no pleno ordinario do martes, de que tamén queren facer vivendas protexidas en Torrentes nas fincas de propiedade municipal, co que non acertamos a comprender porque tamén se queren facer en Foxo, xa que deste xeito se farán vivendas protexidas en número superior ó programado pola Xunta. Unha de dúas, ou as cousas se fan con improvisación, ou alguén minte.
Pola nosa banda, en próximos días estudiaremos as futuras medidas a adoptar, porque consideramos que é precisamente a partires de agora cando máis e máis decididamente temos que velar polos nosos intereses.