Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o BNG o plan de solo residencial acabará co uso especulativo do chan na Mariña

A MARIÑA (FNC) .- O BNG critica aos que se opoñen ao plan do solo residencial da Xunta e non ofrecen outras alternativas. Segundo o deputado autonómico do Bloque Nacionalista Galego, Manuel Parga, “para o BNG o dereito á vivenda é un dereito equiparable ao dereito á saúde, ao ensino e ao traballo e para nós é un dereito que non debe quedar no papel senón que queremos poñelo en práctica e facelo unha realidade na Mariña. Como exemplo disto pódese ver que nos anos 2006, 2007 e 2008 promovéronse na Mariña máis de 3.400 vivendas protexidas, neste 2008 cualificáronse máis de 650 vivendas como protexidas o que triplica o número de vivendas cualificadas no 2004 que foron tan só 218”.

Parga engade que “para garantir este acceso a unha vivenda digna como un dereito e para non estar sometidos nun futuro aos aspectos negativos da especulación do mercado, os nacionalistas desde a Consellería de Vivenda promovemos o plan sectorial galego de solo residencial para vivenda protexida que queremos desenvolver entre os anos 2009 e 2017. Consideramos que é un plan necesario para acabar co uso especulativo do solo residencial na nosa comarca, pero tamén é unha oportunidade para as familias, para o sector empresarial e para os mesmos concellos. Todo este conxunto de actuacións pretenden cumprir os nosos compromisos e coa obriga dos poderes públicos de intervir na política de vivenda a favor das persoas con menos recursos”.

Pelotazos urbanísticos

O deputado nacionalista di que ao Bloque Nacionalista Galego “non deixa de chamarnos a atención que a oposición a este plan de vivenda desde o ámbito político a practiquen os mesmos aos que non lles preocupou elevar o prezo da vivenda, a especulación urbanística e a destrución do territorio. Son os mesmos que contribuíron á burbulla inmobiliaria cos estoupidos para provocar a crise que vivimos e o paro consecuente que estamos a padecer. Nós preguntamos cal é a alternativa dos que desde o ámbito político opoñense a este plan de vivenda porque temos exemplos moi paradigmáticos en Foz, en Barreiros, en San Cibrao e mesmo en Ribadeo, onde se pretendían dar pelotazos urbanísticos. Esa foi a política que practicou e está a practicar o PP na nosa comarca e á que hai que engadir algún alcalde e ex alcalde do PSOE”. Manuel Parga considera que “esta oposición está a dicir que non a 1.018 vivendas protexidas, a un investimento na Mariña de máis de 32, 2 millóns de euros, están dicindo que non á creación de emprego nunha época de crise aguda que se está a cebar especialmente no eido da construción e nos sectores auxiliares. Opóñense a máis de 85.000 metros cadrados de zonas verdes e equipamentos que favorecerán espazos de calidade para vivir. Estanse opoñendo a unha oportunidade para as familias da comarca de acceder a unha vivenda a un prezo adquirible. O PP e algúns alcaldes e ex alcaldes do PSOE opoñense a que haxa unha oportunidade para o sector empresarial, xa que a execución deste plan contribuirá a crear e a xerar actividade económica para os concellos. Nós preguntamos que pensan os veciños da Mariña do que defenden estes representantes políticos, cabe preguntarse a quen representan porque son os mesmos que xa se opuxeron ao decreto do hábitat galego que o único que pretende é que cos cartos que pagamos durante toda a vida poidamos ter unha vivenda de calidade”.

Diálogo, información e transparencia

O BNG “quere tranquilizar os propietarios do solo onde se situarán estas vivendas para garantirlles que ninguén vai facer negocio ou especular co solo á súa costa, que en todo momento vailles ser garantidos e respectados os seus dereitos coma propietarios, que haberá sempre diálogo, que haberá información e que haberá transparencia e que non van ser enganados polo BNG como o foron polo PP e por algúns alcaldes e ex alcaldes do PSOE e que pretenden seguir facendoo agora. O único que pretendemos é garantir dereitos tan importantes coma o acceso a unha vivenda digna para quen máis o necesita e que tamén vai a servir para impulsar e dinamizar a economía da comarca, algo imprescindible nuns momentos de importante crise económica. Non sabemos cales son as súas alternativas pero si o que fixeron ao longo destes anos”.

Exit mobile version