Site icon Crónica3.com A Mariña

Satisfacción do alcalde de Ribadeo pola adxudicación das obras do polígono industrial

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, considera que a adxudicación das obras de urbanización do parque industrial “significa un paso máis á hora de que Ribadeo teña o tan ansiado polígono industrial, despois de que SEPES lle adxudicase a un dos 30 aspirantes que puxaban para poder executar dita obra. Será FCC Construcción S.A a que realice eses traballos nun prazo non superior a once meses desde a acta de replanteo inicial e por unha cifra de máis de 4 millóns de euros”.

Suárez Barcia sinala que “Isto non sería posible si non tivésemos desbloqueado hai uns meses entre SEPES, Concello e Begasa e grazas á intermediación e ao impulso decisivo de Fernando Blanco, Conselleiro de Industria, que sentou as bases e puxo enriba da mesa unha cantidade económica para resolver o problema do subministro eléctrico ao polígono a través da construción dunha subestación. Iso foi o que desbloqueou todos estes pasos que agora se estiveron dando: licitación de obra, adxudicación de obra e entendemos que o seguinte será o inicio das obras, tal e como dixemos hai semanas, no entorno da primavera, toda vez que agora se depositen os avais que marca a lei e se fagan as actas de replanteo previas”.

O rexedor ribadense di que “esta é unha boa noticia para Ribadeo dado o momento económico que vai supoñer xa que hai unhas 50 empresas que se poden radicar neste polígono industrial e que aínda que non é moi grande si que está ben conectado e é moi atractivo. De feito moitas empresas teñen manifestado a súa intención de implantarse en Ribadeo e prefiren agardar un pouco máis e radicarse aquí e non noutros concellos veciños a nós. Desde logo penso que van polo bó camiño co que ten que ver coa economía produtiva que é a que realmente serve e non esas outras economías especulativas que xa se ve o rendemento que foron dando”.

Exit mobile version