RIOTORTO (FNC) .- A comisión de goberno acordou os proxectos que se desenvolverán en Riotorto con cargo aos fondos estatais de inversión. Este Concello presenta 3 que suporán un investimento total de 280.172 euros. Segundo explica o alcalde, Federico Gutiérrez Estoa “o primeiro é o acondicionamento e construción dos centros veciñais en Espasande de Abaixo, Chacín e Augaxosa. Aquí contémplase as obras que haberá que facer para acondicionar e mellorar estes locais que acollen xuntanzas veciñais en Espasande de Abaixo e Chacín e para construír un novo no núcleo de Augaxosa. Este novo edificio será de planta baixa e terá unha superficie útil duns 40 metros cadrados. Este proxecto terá un custe total de 115.000 euros.”
O rexedor segue a contar que “o segundo dos proxectos presentados en Riotorto é o acondicionamento dos centros veciñais en Espasande de Arriba e Aldurfe. Aquí hai que facer reparacións puntuais nos tellados e tamén enfoscar e pintar e realizar melloras na instalación eléctrica. Nestes casos o importe total das obras será de 47.172 euros”.
Gutiérrez Estoa engade que “o terceiro dos proxectos que queremos levar adiante con cargo a eses fondos estatais de inversión é a dotación e mellora de infraestruturas en O Bispo, O Navallo, Santalla, Órrea e Aldurfe. No caso de O Bispo trátase do arranxo dunha pista forestal e que se atopa moi deteriorada e na que queremos abrir cunetas, construír canles e levar adiante a súa pavimentación con zahorra artificial. En O Navallo proxectamos a construción da rede de abastecemento de auga potable para as vivendas que aínda non contan con ese servizo. En Santalla queremos ampliar un espazo público; na Órrea o previsto é acondicionar tres camiños e en Aldurfe pretendemos construír un depósito para almacenamento de auga que terá unha capacidade de 70 metros cúbicos. Será unha instalación da que se beneficiarán os gandeiros en época de seca dado que o subministro de auga é insuficiente”.
O alcalde de Riotorto subliña que “en total con eses tres proxectos e esa inversión de máis de 280 mil euros crearanse para levar adiante estas obras 16 postos de traballo que servirán fundamentalmente para dotar de infraestruturas básicas e tamén de equipamentos socioculturais ás parroquias que sirvan para dinamizar a vida social nestas a través dunha programación regular de actividades que realizará o concello. En definitiva trátase de mellorar a calidade de vida dos habitantes dos nosos pobos do rural”.