RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo está a preparar a homenaxe que a vila lle renderá ao ex presidente do Goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo dentro duns meses. Desde o equipo de goberno lembran que en todas as entidades bancarias hai contas abertas para recadar fondos destinados a eses actos que se desenvolverán en maio coincidindo co cabodano do seu pasamento.
O Concello editou uns carteis que foron colocados nos bancos e caixas de aforro solicitando “de todos os veciños na medida das súas posibilidade unha achega económica para o financiamento dun alto relevo conmemorativo que se colocará nas inmediacións do peirao de Porcillán, encargado a un escultor de prestixio”.
A homenaxe popular que Calvo-Sotelo recibirá foi aprobada en pleno por unanimidade o 17 de novembro do pasado ano. Nese momento tamén se acordou entregarlle a medalla de Ribadeo a título póstumo a quen foi alcalde honorario e fillo adoptivo de Ribadeo e asimesmo está prevista a edición dun libro-homenaxe sobre a relación que Leopoldo Calvo-Sotelo tivo con esta vila.