RIBADEO (FNC) .- O Concello pon en marcha un programa de compostaxe caseiro na zona rural de Ribadeo, segundo o edil responsable de Medio Ambiente. Horacio Cupeiro asegura que “o núcleo de sostebilidade que recentemente foi concedido ao noso Concello, entre outras cousas, danos a posibilidade aos veciños do rural de poñer en marcha un programa de compostaxe caseiro co fin de aproveitar os residuos que se xeran nos fogares e convertelos nun abono de calidade”.
Cupeiro explica que “o programa contempla a entrega de 20 composteiros que serán repartidos entre aqueles veciños que os soliciten no propio Concello. No suposto de que houbera máis solicitantes que composteiros éstes repartiríanse por sorteo. Ditos recipientes teñen unha capacidade de 350 a 400 quiilos”.
O concelleiro nacionalista anuncia que “faremos unha charla na que contaremos coa colaboración de técnicos de ADEGA para informar sobre todo o proceso operativo. Será o 20 de febreiro ás 20:00 horas na Casa do Mar de Ribadeo”. Horacio Cupeiro engade que “esta alternativa que tamén se fixo noutros concellos coma Ferrol é viable, é económica e ao mesmo tempo é ecoloxista posto que se reduce ao 50% o contido da bolsa de lixo orgánico”.