RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá o vindeiro sábado 17 de xaneiro a estrea oficial da película Os mortos van á presa que dirixiu Angel de la Cruz e que se rodou en Rinlo, A Devesa e tamén na vila ribadense. O alcalde, Fernando Suárez, sinala que “Ribadeo será o sábado centro de atención mediática de especial interSE e relevancia pola estrea mundial (por dicilo dalgún xeito) da película filmada no noso concello e singularmente en Rinlo e A Devesa. Quero coma alcalde e no nome de toda a Corporación Municipal dalas grazas ao equipo director, ao equipo técnico, á produtora, á distribuidora… desta película por teren en conta a Ribadeo para facer esta estrea oficial. Isto supón un plus de publicidade de cara ao turismo, de cara a coñecer Ribadeo moi lonxe de aquí. Desde logo que isto vale máis que unha campaña publicitaria que coste moito diñeiro. E nós volcámonos na medida das nosas posibilidade coa organización dos actos que se desenvolverán o sábado”.
A xornada comezará ás 11:00 na Casa do Concello coa benvida que o alcalde, Fernando Suárez, e o resto da Corporación lle darán ao equipo técnico e artístico da película. Despois ás 12:00 no Auditorio Municipal Hernán Naval terá lugar a proxección do tráiler, do libro-guión da película e do CD coa BSO. Haberá a interpretación de dúas pezas desa banda sonora orixinal a cargo da Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo e a proxección de imaxes do filme. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que se trata “dunha das poucas películas ou casi a única na que a súa banda sonora está interpretada por unha banda de música. É un éxito moi importante para a nosa Banda Sinfónica Municipal. A entrada a este acto é libre e xa aproveito para convidar aos extras que participaron na película e ao público en xeral para que acudan o sábado pola mañá ao Auditorio Municipal de Ribadeo”.
Ás 14:00 horas o equipo técnico e artístico trasladarase a Rinlo, onde se vai celebrar unha comida en diversas localizacións á que asistirán persoas convidadas pola propia produtora de Os mortos van á presa. E ás 16:30 terá lugar tamén en Rinlo un café con gotas na escola vella que o director, os actores e o resto do equipo queren compartir co pobo de Rinlo en recoñecemento e agradecemento á acollida que lles brindaron durante os meses de rodaxe da película.
Xa a partires das 19:00 horas terá lugar no Cine Teatro de Ribadeo a estrea oficial de Os mortes van á presa. Para esa hora está prevista a chegada dos convidados e ás 19:30 terán lugar os discursos que pronunciarán o alcalde, Fernando Suárez; o director da película, Angel de la Cruz e o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado. Ás 20:00 horas será a proxección da cinta que protagonizan, entre outros, Neus Asensi, Manuel Manquiña, Antonio Durán Morris, María Castro… E ás 22:00 horas nun coñecido pub ribadense haberá un cóctel-queimada de despedida no que varios actores da película lerán o conxuro da queimada pola boa saúde do cine galego.