BURELA .- Un numeroso grupo de persoas concentráronse na praza do concello en Burela para manifestar a súa repulsa “ao xenocidio que esta a sufrir o pobo palestino de mans do estado israelí”. A manifestación foi as oito da tarde e nela participaron preto de cen persoas e ao remate da concentración deron lectura a un comunicado.
Comunicado
CON PALESTINA
CONTRA DA MASACRE SIONISTA EN GAZA
POR UNHA PAZ XUSTA E DURADEIRA
PARA QUE REMATE ESTA MATANZA
VIVA O POBO PALESTINO
O chamado conflito palestino non é novo. Son xa moitos anos de violencia, de
ocupación ilegal dos territorios, de morte, de sufrimento e destrución. A actual intervención do
exército israelí na franxa de Gaza ven de moi atrás. Estamos, unha vez máis, diante dun
episodio de violencia indiscriminada e desproporcionada, unha auténtica matanza,
especialmente contra dunha poboación civil á que se lle nega mesmo a posibilidade de fuxir.
Esta non é unha guerra, non existen exércitos enfrontados, nin igualdade de forzas, nin
de recursos. Non existe simetría nin equilibrio entre partes por moito que algúns se empeñen en
negar a evidencia. Non é posible a equidistancia. Os verdugos teñen nome coñecido e as vítimas
tamén, cóntanse por miles, entre mortos e feridos. A vulneración dos dereitos humanos, a
violación sistemática da legalidade internacional, dos acordos de paz e das resolucións das
Nacións Unidas teñen un nome inequívoco, o Estado Sionista de Israel.
Trátase, xa que logo, dunha auténtica masacre, sen escrúpulo moral algún, sen respecto
pola poboación máis indefensa, os anciáns, nenos e nenas, mesmo cooperantes internacionais,
nin tampouco polas mesquitas, hospitais ou mesmo escolas, as escolas das Nacións Unidas, con
identificación oficial, con coordenadas coñecidas e transmitidas, onde estaban refuxiados do
horror centos de cativos e cativas palestinas. O sionismo non coñece límites.
O exército e o goberno israelí, sabémolo ben, son expertos tamén na ocultación da
verdade, contan con axentes moi poderosos. Resulta escandaloso que manifesten que as accións
militares actuais son en resposta ó lanzamento de foguetes caseiros desde Gaza, ¿acaso non
coñecemos a política de asasinatos selectivos de dirixentes palestinos practicada por Israel nos
últimos anos? ¿De destrución de vivendas das súas familias? ¿Acaso un exército como o israelí
non ten capacidade para detectar e localizar eses lanzamentos?
E en todo caso, ¿onde está a proporcionalidade da resposta?. Xa a coñecemos, balas
contra pedras, tanques e mises contra a poboación civil, ocupación militar dos territorios
palestinos, máis colonizacións fronte dos acordos de paz.
Son centos e miles os palestinos asasinados, os torturados nas cadeas israelís, os mortos
como consecuencia do bloqueo, os inspeccionados e humillados a diario.
En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos
humanos, nin a ocupación militar dos territorios palestinos, nin a vulneración permanente das
resolucións das Nacións Unidas. O estado de Israel non ten credibilidade algunha. Perdeuna. É
probablemente o estado do mundo que máis ten violentado a legalidade internacional, negado
unha solución política a un conflito que se dilata inxustificadamente no tempo. Cada vez quedan
menos persoas no mundo que podan crer as mentiras israelís. Indigna pensar que a brutal
ofensiva militar israelí actual teña que ver coa súa propia axenda electoral. Traficar mortos por
votos fai que abominemos do sionismo e das súas prácticas.
Pero non é posible unha solución militar na rexión. A comunidade internacional, a UE e
o Estado Español teñen que propiciar -dunha vez por todas- unha solución política que pasa,
inevitablemente, polo remate da ocupación militar, pola retirada israelí, por un alto o fogo
inmediato, polo diálogo sincero para acadar unha paz xusta e duradeira sobre a base dos acordos
internacionais.
A cidadanía galega, a sociedade civil global está con Palestina, está co pobo palestino,
apoia e recoñece o seu dereito á existencia e a ter un estado propio. Como recoñece o dereito do
pobo israelí á súa propia existencia e á súa seguridade. O que non se pode admitir é a violencia
indiscriminada, a crueldade, o horror, as solucións bélicas para conflitos que son políticos. Por
iso demandamos unha solución política definitiva, xusta e duradeira.
O estado español debería ter un papel moito máis activo na procura desa solución
política. A UE, a comunidade internacional no seu conxunto, teñen a obriga moral e política de
impoñer a Israel o respecto escrupuloso polas resolucións de Nacións Unidas, con toda firmeza,
con medidas de boicot, como se fai con outros estados, como se fixo con Sudáfrica no seu
momento, para rematar co réxime do Apartheid. Desde logo, como non se fai é tolerando que
Israel ocupe territorios ilegalmente, masacre á poboación civil palestina, ou coa política de
seguir vendendo armas a países en conflito, como segue a facer España, lamentablemente, e
outros estados que se sentan no Consello de Seguridade da ONU.
Galicia enteira reclama unha paz xusta e duradeira na rexión, a resolución pacífica do
conflito por medio do diálogo e do acordo, a fin da ocupación militar, a retirada de tódolos
territorios palestinos ocupados, así como a persecución xurídica dos responsables desta matanza
indiscriminada, un auténtico crime contra da humanidade.
En consecuencia esiximos que:
·
Se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina
·
Se deteñan tódolos ataques e bombardeos
·
Se abran as fronteiras para as axudas humanitarias, especialmente en Rafah, xa que
dende o 2006 nin o 10% das axudas enviadas á faixa de Gaza puideron pasar.
·
A ONU lle outorgue a tódolos representantes lexítimos palestinos, incluíndo a
Hamás, a oportunidade de sentarse á mesa do diálogo ao igual que Israel.
·
O goberno español rompa as relacións diplomáticas e comerciais con Israel.
·
A Xunta de Galicia se pronuncie contra Israel e a favor do pobo palestino.
·
Se denuncie a venda de armas.
·
Se promova o boicot aos produtos israelís e daquelas empresas que manteñan
relacións comerciais con eles.
·
Os medios de comunicación e a prensa internacional sexan neutrais.
¡VIVA PALESTINA!
¡VIVA GALICIA!
¡PAZ AGORA E PARA SEMPRE!
¡VIVA O POBO PALESTINO!