Site icon Crónica3.com A Mariña

Reclama o PP a declaración de zona catastrófica para os municipios de A Mariña afectados polo temporal

NOTA DE PRENSA

Felicitan pola súa profesionalidade aos servizos de emerxencias e protección civil e subliñan a importancia de contar con estes traballadores que a actual Xunta, nun primeiro momento, pretendeu redistribuír mermando a súa capacidade operativa e de resposta

OS POPULARES RECLAMAN A DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA PARA OS MUNICIPIOS DA MARIÑA AFECTADOS POLO TEMPORAL

•    Balseiro Orol insta ao Goberno autonómico e central a que aproben unha partida extraordinaria que compense de xeito inmediato os innumerables danos que causou o temporal de vento na nosa comarca.

•    O dirixente popular teme que o decreto de axudas anunciado por Touriño acabe en “máis burocracia e máis retraso” tal e como aconteceu cos incendios e as riadas.

•    Balseiro reclama que o servizos administrativos da Xunta asuman as reclamacións ao consorcio de compensación de seguros para favorecer a axilidade dos cobros.

A Mariña, 26 de xaneiro de 2008.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo e deputado autonómico pola Mariña lucense Jose Manuel Balseiro Orol, instou hoxe ao Goberno central a declarar como zona catastrófica os concellos da comarca afectados polo temporal de vento dos pasados días.

Balseiro Orol tamén adiantou que é preciso que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central libren fondos de xeito extraordinario e urxente para compensar os innumerables danos provocados, así como tamén para garantir que os abonos aos veciños e empresas que hoxe están a valorar e cuantificar os seus desperfectos poidan efectuarse de xeito inmediato.

O dirixente popular explicou que o decreto de axudas anunciado no día de onte polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, “non garante o cobro inmediato das cantidades correspondentes, por certo, aínda sen cuantificar”. Para fundamentar esta afirmación lembra que a día de hoxe os afectados polas riadas e os incendios que aconteceron nos pasados anos en Galicia, a pesar de contar cun decreto de axudas similar ao anunciado polo Presidente da Xunta moitos deles aínda non teñen percibido os correspondentes abonos.

EVITAR MÁIS RETRASOS E MÁIS BUROCRACIA

Os antecedentes do actual Goberno de Galicia ante este tipo de situacións resúmese en cinco palabras: “retraso, retraso e máis retraso” é polo que, o dirixente popular pretende que esta situación non aconteza tamén na Mariña. “Procuramos en definitiva que a axuda da Xunta e do Goberno central non se quede en máis retrasos e máis burocracia”

ASUMIR AS RECLAMACIÓNS FRONTE AO CONSORCIO

Balseiro Orol adiantou que é preciso valorar unha fórmula a través da cal acelerar e axilizar todo o procedemento de cobro das axudas. Sinalou a este respecto que os servizos administrativos da Xunta poderían facerse cargo das reclamacións ao consorcio de compensación de seguros “evitando por tanto que a burocracia e o papeleo actúe en prexuízo dos veciños desta comarca máis afectados polo temporal”.

PROFESIONALIDADE SERVIZOS DE EMERXENCIA

O secretario xeral dos populares subliñou tamén a profesionalidade coa que actuaron os servizos de emerxencia nos distintos concellos da Mariña “que da boa imaxe da importancia que este tipo de persoal ten”. É por iso que cualificou de “totalmente inaceptables e desafortunadas” as manobras previstas no seu momento pola dirección xeral de Protección Civil, dependente da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia que pretendeu redistribuír os Grupos Municipais de Intervención Rápida, mermando os seus efectivos nalgúns concellos e diminuíndo a súa capacidade de resposta e operatividade. “Afortunadamente rectificaron a tempo”.

ZONA CERO

Balseiro Orol entende que “a xuízo dos danos provocados polo temporal, e que puiden comprobar persoalmente en distintos concellos, é máis que evidente que A Mariña foi a zona cero, o epicentro da catástrofe na nosa provincia e que, polo tanto, debe ser considerada como tal”

Exit mobile version