Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP as medidas da Consellería de Sanidade son pouco creibles

NOTA DE PRENSA
A disposición do novo TAC no Hospital da Costa é a única mellora desenvolvida por Sanidade no que levamos de lexislatura e responde, en exclusiva, á substitución dun aparato que polo paso do tempo quedou obsoleto
AS MELLORAS ADIANTADAS POLA CONSELLEIRA DE SANIDADE “SON REPETITIVAS, POUCO CRIBLES E SOAN A RANCIO”

* Balseiro Orol afirma que está é a décimo sexta vez que escoita que a Xunta ten previsto incrementar o persoal en varios centros de saúde da Mariña e lonxe de facelo, está a trasladar á atención primaria as listas de espera que antes só existían nas consultas de especialistas ou para cirurxía. Ademais critica que o SERGAS non substitúa aos facultativos que están de baixa ou en vacacións o que contribúe a colapsar o sistema.

* O deputado popular dubida da posta en marcha do plan de director do Hospital da Costa, pois a Xunta oculta o seu contido, pese a telo reclamado no Parlamento e sinala que o proxecto de ampliación do Hospital en cada ocasión demórase máis no tempo.

A Mariña, 14 de xaneiro de 2008.- En opinión do deputado popular José Manuel Balseiro Orol as promesas realizadas pola conselleira de Sanidade, a socialista Maria José Rubio Vidal, con ocasión da súa visita no día de onte ao Hospital da Burela “soan a rancio”. Nesa liña afirma que en cada ocasión na que veu á Mariña a titular do departamento autonómico de Sanidade “foi para facer promesas que despois nunca cumpriu”. De feito, o parlamentario mariñán sinala que a única actuación desenvolvida por Sanidade ao longo de toda esta lexislatura no Hospital da Costa foi a substitución do anterior TAC por un novo “simplemente cambiaron un que se estaba a quedar obsoleto polo paso do tempo por outro equipamento novo que permitirá aos veciños da Mariña beneficiarse das melloras acadadas nesta tecnoloxía”.

Balseiro Orol resta credibilidade aos diferentes anuncios realizados pola conselleira socialista xa que, segundo afirma “non son máis que unha declaración de boas intencións que despois nunca chegan a materializarse”. “Todos coincidimos na necesidade de corrixir o progresivo deterioro do sistema sanitario público que se está a producir nos últimos anos na nosa comarca, pero nós reclamamos acción e eles tan só ofrecen palabras e propaganda” -expuxo. De feito o deputado popular afirma que “moita cara teñen estes señores para falar das bondades do sistema de saúde na Mariña cando o 90% dos veciños de esta comarca son conscientes, porque acoden ao hospital e aos centros de saúde, que todo son problemas aos que non se lles está a dar a oportuna solución”

PLAN DIRECTOR “OCULTO”

De feito, Balseiro Orol dubida incluso de que se estea a desenvolver as actuacións incluídas no plan director do Hospital da Costa, como conxunto de medidas orientadas a mellorar a asistencia sanitaria neste centro, xa que, pese a ter reclamado este plan no Parlamento polo conduto regulamentario oportuno, Sanidade non quere entregalo ao Grupo Popular. “Algo ocultan e algunha razón haberá para elo”

CLAVE ELECTORAL

Balseiro Orol cree que a visita da socialista Rubio Vidal foi máis en clave de precampaña que como xestora. Tan só desta forma xustifica o feito de que “viñera a contar o que ten previsto facer pero non o que fixo en todos estes catro anos. Non puido falar de xestión porque, simplemente non existe. Todo son promesas”- explica o deputado popular. De feito, como contrapunto “á propaganda” que, na súa opinión pretendeuse “vender” coa visita da Conselleira, Balseiro Orol sinala varios aspectos:

Primeiro.- Os investimentos no Hospital da Costa lonxe de incrementarse están a diminuír e, polo tanto, non existe un compromiso real de mellorar a asistencia, dotacións e estrutura deste centro. “Cada ano que pasa é unha oportunidade perdida para acometer unha ampliación do Hospital que ademais, ten que afectar a súa estrutura, aparcamento e abarcar todos os servizos e consultas.”

Segundo.- Por primeira vez na historia as listas de espera se están a trasladar ata os centros de saúde. Polo tanto non é aceptable que se estea a facer un maior esforzo nos centros de atención primaria, tal e como adiantou a Conselleira. “Todo o contrario. Xa que a Xunta nin tan sequera substitúe aos médicos de baixa ou en vacacións e deste xeito, contribúe a colapsar o sistema en detrimento dos enfermos e usuarios”.

Terceiro.- O traslado de pacientes ata outros centros hospitalarios de Lugo capital ou da Coruña para que poidan realizar alí determinadas probas diagnósticas ou pasar consulta co especialista amosa que o Hospital da Costa “carece de moitos recursos e dotacións. Non é un paso adiante suficiente actualizar o TAC, cando por exemplo, a resonancia magnética sigue a ser móbil e o os accesos dos pacientes á mesma se realiza por un espazo á intemperie”

Cuarto.- Non é crible tampouco o incremento do persoal nos centros de saúde da Mariña. “De feito e a décimo sexta vez que escoitamos que ían traer máis médicos par ao centro de saúde de Foz, cando o certo é que hai cada vez menos facultativos e os veciños deste concello teñen menos horas de asistencia que fai catro anos. Tampouco é crible o referente ao centro de saúde de San Cibrao pois xa se adiantou esta decisión con ocasión da súa inauguración e lonxe desta realidade hoxe nin tan sequera son capaces de substituír a unha doutora que leva varios meses de baixa”

En resume, son varias as razóns polas que non cabe felicitarse, como puideramos ter feito de ser distinta a situación tras a visita da Conselleira. De feito nada está a facer a actual Xunta por mellorar un sistema público cada día máis deteriorado. Todo iso como consecuencia da mala xestión dos actuais responsables políticos.

Exit mobile version