Site icon Crónica3.com A Mariña

Obras en Ribadeo do Plan de Dinamización Turística por importe de 412.000 euros

RIBADEO (FNC) .- Hoxe dan comezo en Ribadeo diversas obras enmarcadas no Plan de Dinamización Turística Complementario por un importe total de 412.000 euros. Segundo o rexedor, Fernando Suárez, “nesta xornada iniciamos un ambicioso plan que xa está adxudicado desde hai un tempo e que está financiado ao cento por cento pola Secretaría de Estado de Turismo que depende do Ministerio de Industria e Comercio. Son 250.000 euros de investimento na eliminación dunha serie moi importante de barreiras arquitectónicas, vanse facer pasos elevados e refacer beirarrúas para que os accesos para os minusválidos e para os carriños dos nenos sexan cómodos. Serán actuacións moi importantes para Ribadeo e que eran unha débeda pendente que tiñamos coa xente discapacitada e que ten máis problemas de mobilidade”.

Con cargo a ese Plan de Dinamización Turística “tamén se inician hoxe as obras do primeiro tramo da rúa Lazúrtegui, o que vai desde a praciña de San Roque e que logo colle unha parte moi importante da rúa Carlos III que se vai facer de novo dado que era unha das rúas máis estragadas do ámbito urbano de Ribadeo. A inversión neste caso é de 162.000 euros. Haberá dificultades para o acceso rodado ao colexio das monxas e ao seu entorno, pero os condutores poderán facelo pola rúa Picarolas”, segue a explicar Fernando Suárez.

Estrada do monte

O alcalde ribadense tamén anuncia que hoxe da comezo as obras “de aglomerado asfáltico do último tramo da estrada do monte con cargo ao Plan Estratéxico de Infraestruturas que financia no 100% a Consellería de Medio Rural. Tragsa inicia xa eses traballos unha vez que as gabias están limpas desde hai uns días e así as parroquias costeiras de Ove, Vilaframil, Piñeira e A Devesa quedarán conectadas por esta estrada cunha calidade, que vai ser o aglomerado asfáltico, que sí se vai notar na comodidade dos propios turismos que circulen por esa vía”.

Exit mobile version