Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente do goberno galego desprazouse a Ortigueira e visitou Viveiro e Celeiro

O presidente da Xunta reuniuse con responsables de Porto de Celeiro

VIVEIRO .- O presidente do goberno galego, Emilio Pérez Touriño, desprazouse a Ortigueira con motivo do inicio das obras do primeiro tramo da estrada da costa entre Ferrol e San Cibrao e visitou os portos de Viveiro e Celeiro. Pérez Touriño, acompañado pola conselleira de Política Territorial, María José Caride, visitou o porto de Viveiro co alcalde, Melchor Roel, e en Celeiro reuniuse con responsables de Porto de Celeiro.

Nota de Prensa

TOURIÑO SUBLIÑA QUE A VÍA DE ALTAS PRESTACIÓNS DA COSTA NORTE, A AUTOVÍA FERROL-VILALBA E A AUTOVÍA DO CANTÁBRICO CONVERTERÁN O NORTE DE GALICIA “NUN DOS TERRITORIOS MELLOR COMUNICADOS DE EUROPA” NO HORIZONTE INMEDIATO

*    O presidente da Xunta e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride presiden o inicio das obras da Variante de Ortigueira, que abre a  construción da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte
*    O xefe do Goberno galego salienta que as infraestruturas en marcha nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal permitirán “pechar en rede de alta capacidade todo este territorio” a través da conexión da VAP Costa Norte coa AP-9 e a A8 pola costa e a través da autovía Ferrol-Vilalba polo interior
*    Destaca que a vía da Costa Norte constitúe un “investimento histórico dunha potencia extraordinaria” que chega aos 275 millóns de euros
*     Sinala que na actualidade está en marcha case o 40% do investimento total desta obra e avanza que neste ano se licitarán todos os tramos
*    Remarca que esta infraestrutura, que se completa cun novo acceso a Cariño e co enlace de Neda, supón “materializar un soño de país” e avanzar na construción “do país da igualdade de oportunidades” polo que aposta o Goberno galego
*    Apunta que cando comezou a lexislatura existían en Galicia 27 quilómetros de autovías libres de peaxe e se rematará con 134 quilómetros, o que supón multiplicar por cinco o inicial
*    Manifesta que as tres principais infraestruturas en marcha en Ferrolterra, o porto exterior, a autovía Ferrol-Vilalba e a VAC Costa Norte suman un investimento de 550 millóns de euros
*    Anuncia que a vindeira semana o Ministerio de Industria publicará unha nova orde de axudas do Plan Ferrol que elimina a necesidade de presentar avais para apoiar os proxectos empresariais

Ortigueira (A Coruña),  de decembro de 2008.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou hoxe que a Vía de Altas Prestacións da Costa Norte, a Autovía Ferrol-Vilalba e a Autovía do Cantábrico (A8), xunto con outras infraestruturas complementarias en marcha, converterán o Norte de Galicia “nun dos territorios mellor comunicados de Europa” no horizonte inmediato. Así o asegurou o titular do Executivo autonómico esta mañá durante o inicio das obras da Variante de Ortigueira, un acto no que tamén participou a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e que supón dar comezo á construción da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte.

Nese marco, o titular do Executivo autonómico destacou que as infraestruturas que se están a executar entre as comarcas de Ferrolterra e Ortegal permitirán “pechar en rede de alta capacidade todo este territorio”. Así, sinalou que a VAP da Costa Norte, que unirá Ferrol con San Cibrao e ten un trazado de aproximadamente 90 quilómetros, conectará polo sur coa AP-9 e cara ao norte coa A-8, “bordeando toda a costa”, mentres que polo interior a conexión quedará garantida mediante a Autovía Ferrol-Vilalba.

Polo tanto, expresou o titular do Executivo autonómico, o norte das provincias da Coruña e Lugo disporán “dunhas comunicacións como nunca soñamos”, o que, engadiu, demostra que “hai capacidade, hai saber facer, hai enerxía e vontade política para facelo”.

Un investimento de “potencia extraordinaria” que chega aos 275 millóns de euros
O máximo mandatario autonómico destacou que a VAP Costa Norte constitúe “un investimento histórico de potencia extraordinaria”     que acada os 275 millóns de euros, e sinalou que esta infraestrutura dá resposta a unha antiga demanda dos territorios que comunica e cobre “un baleiro histórico”. Tras lembrar que en días recentes comezou a fase de licitación do treito Celeiro-San Cibrao, que supón un investimento de 54 millóns de euros, o xefe do Goberno galego resaltou que na actualidade está licitado practicamente o 40% do investimento previsto para o total da infraestrutura.

Ademais, o titular do Executivo autonómico, resaltou que, de maneira complementaria nesta infraestrutura está prevista a construción dun novo acceso a Cariño e do enlace de Neda, o cal permite “pechar o conxunto da rede”.

Con esta obra, apuntou o presidente da Xunta, “estamos a materializar un soño de país”  avanzando na construción “do país da igualdade de oportunidades” polo que aposta o Goberno galego.

Os quilómetros de autovía libres de peaxe, multiplicados por cinco na lexislatura
No seu discurso, Pérez Touriño destacou que a eliminación do “país de dúas velocidades” é unha estratexia que o Executivo autonómico está a aplicar ao longo de toda a Comunidade Autónoma. Nese sentido, apuntou que ao inicio da lexislatura existían 27 quilómetros de autovías libres de peaxe, que, dixo “eran importantes”, pero que contrastan cos 134 quilómetros de autovías libres de peaxe cos que se pechará a lexislatura.

Isto supón, engadiu, “multiplicar por cinco” o que existía ao comezo do período, e asegurou que estas cifras continuarán medrando nos próximos anos grazas a proxectos como a Vía de Altas Prestacións da Costa da Morte, que supón un investimento de máis de 360 millóns de euros.

550 millóns de euros nas grandes infraestruturas de Ferrolterra
O presidente da Xunta puxo en valor o cambio que se está a operar nas comarcas de Ferrolterra e informou de que, entre o Porto Exterior, a autovía Ferrol-Vilalba e a autovía da Costa Norte suman un investimento de 550 millóns de euros.

“Todas elas son infraestruturas en plena execución”, subliñou, para precisar que o Porto Exterior xa está na segunda fase de construción e que a autovía Ferrol-Vilalba entrará en servizo plenamente neste ano 2009.

Xunto con isto, destacou que o Goberno galego está a construír en Ferrolterra a maior plataforma de solo industrial de Galicia e avanzou que a vindeira semana o Ministerio de Industria publicará unha nova orde de axudas do Plan Ferrol que elimina a necesidade de presentar avais para que os proxectos empresariais reciban apoio. “Deste xeito eliminamos o principal escollo para que ningún proxecto empresarial deixe de materializarse por falta de recursos”, salientou Pérez Touriño.

Visita aos portos de Viveiro e Celeiro
O presidente da Xunta e a conselleira de Política Territorial visitaron tamén esta mañá os portos de Viveiro e de Celeiro. O titular da Xunta sinalou que as obras de humanización que están en marcha no porto de Viveiro, que teñen un investimento de 5 millóns de euros marcarán “un antes e un despois” e significarán “restablecer o diálogo entre Viveiro e o seu mar”, abrir “Viveiro ao mar”.

En relación co porto de Celeiro, Pérez Touriño destacou que este está “na punta do cambio e da transformación da modernidade dos nosos portos”, e sinalou que o Goberno galego está a desenvolver de maneira referencial o proxecto de Peixe Verde, unha aposta “pola calidade, a sostibilidade e a mellora na comercialización dos seus produtos”.

PÉREZ TOURIÑO PRESIDE EN ORTIGUEIRA O INICIO DA VÍA DE ALTAS PRESTACIÓNS DA COSTA NORTE QUE VAI DE FERROL A SAN CIBRAO

*    A VAP da Costa Norte terá 90 quilómetros de lonxitude e requirirá un investimento superior aos 275 millóns de euros
*    A CPTOPT inviste preto de 50 millóns na variante de Ortigueira, que con 8,4 quilómetros evitará o paso pola vila mellorando así a mobilidade, a seguridade viaria e a calidade de vida da cidadanía

Ortigueira, 14 de xaneiro de 2009.- O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, presidiron hoxe a colocación da primeira pedra da variante de Ortigueira, o primeiro dos treitos da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte que conectará Ferrol con San Cibrao.

A Consellería de Política Territorial inviste un total de 48,8 millóns de euros na construción da variante de Ortigueira, que ten unha lonxitude total de 8,4 quilómetros e un prazo estimado de execución de 30 meses. Esta nova infraestrutura conectará a estrada As Pontes-Ortigueira (AC-101) coa localidade de Espasante. Deste xeito desconxestionarase a estrada convencional Ferrol-San Cibrao (AC-862) e evitarase o paso pola vila de Ortigueira, onde actualmente se rexistra unha intensidade media diaria duns 4.000 vehículos. O desvío de boa parte dese tráfico redundará nunha mellora da mobilidade, da seguridade viaria e da calidade de vida da cidadanía.

Compre salientar que a Consellería de Política Territorial introduciu importantes melloras tanto neste treito coma no resto da infraestrutura sobre o estudo informativo inicialmente realizado polo anterior goberno. Así, mellorouse o trazado e os enlaces e deseñouse toda a infraestrutura con características de corredor, o que garante que a vía poda ser desdobrada en autovía cando a intensidade do tráfico así o requira.

No caso concreto da variante de Ortigueira, a nova vía disporá de dous carrís (un en cada sentido) de 3,5 metros e dúas beiravías de 2,5 metros. Ademais, o treito disporá dun carril adicional  para adiantamentos ao longo de 2,7 dos seus 8,4 quilómetros (unha terceira parte do percorrido).

O treito que agora se inicia disporá de tres enlaces, todos eles deseñados tendo en conta a posible ampliación a autovía, polo que non será necesario modificalos no futuro. O de Ortigueira Sur conectará coa estrada As Pontes-Ortigueira (AC-101) e estará moi próximo ao Parque Industrial de Ortigueira. O de Ortigueira Norte sitúase á altura do núcleo da Venta, moi próximo á AC-862, e nel implantarase unha área de descanso con vistas á ría. Por último, o enlace de Espasante, tamén próximo á estrada convencional, irá situado en Agromaior.

Canto á permeabilidade da nova vía, esta conta con dous viadutos (sobre a glorieta do enlace de Ortigueira Norte, con 105 metros de lonxitude e sobre o río Baleo, de 333 metros), catro pasos superiores e dous pasos inferiores que garanten a accesibilidade e comunicación dos veciños destas zonas.

A nova infraestrutura cumprirá igualmente coa normativa para a instalación dos novos sistemas de protección de motoristas.

Resto de treitos
A circunvalación de Ortigueira é o primeiro dos treitos da Vía de Altas Prestacións entre Ferrol e San Cibrao, que será prolongada tamén con características de corredor polo Ministerio de Fomento dende San Cibrao ata Barreiros, punto no que enlazará coa Autovía do Cantábrico (A-8). No treito autonómico desta nova infraestrutura, ademais do inicio hoxe da variante de Ortigueira xa están en licitación as obras do treito Celeiro-San Cibrao. O resto de treitos están en fase de redacción dos proxectos construtivos.

Ademais, o compromiso da CPTOPT é o de comezar as obras polos treitos cuxa tramitación administrativa está máis avanzada e, á vez, cumpren por si sos unha importante función viaria ao liberar de tráfico ás estradas convencionais, como ocorre coa variante de Ortigueira.

Treito    Situación    Lonxitude
Ferrol-Campo do Hospital    En redacción de proxecto    19,1
Campo do Hospital-enlace AC-101    En redacción de proxecto    8
Variante de Ortigueira    Iniciadas hoxe as obras    8,4
Espasante-O Barqueiro    En redacción de proxecto    11
O Barqueiro-Covas    En redacción de proxecto    10,1
Variante de Viveiro    En redacción de proxecto    19,1
Celeiro-San Cibrao    Obras licitadas no DOG 9-1-2009    9

A lonxitude total da infraestrutura será de preto de 90 quilómetros (50 quilómetros na provincia da Coruña e 40 quilómetros na provincia de Lugo) e o investimento superior aos 275 millóns de euros. Tanto a lonxitude como o investimento poderían variar en función dos requisitos técnicos que se concreten nos proxectos construtivos actualmente en redacción.

Outras actuacións complementarias
Ademais da VAP da Costa Norte, a Consellería de Política Territorial está a impulsar outras dúas importantes actuacións que complementarán a dita infraestrutura e mellorarán a mobilidade dos cidadáns destas zonas. A primeira delas é a nova estrada de conexión con Cariño, unha vía de aproximadamente 11 quilómetros que suporá un investimento duns 35 millóns de euros e para a que se está a redactar o estudo informativo. Deste xeito Cariño pasará a ter un acceso a través dunha vía titularidade da CPTOPT da que ata o de agora carecía, cumpríndose así o compromiso recollido no Plan Director de Estradas de Galicia de que todos os concellos galegos dispoñan dunha vía autonómica.

A segunda actuación é a Vía de Altas Prestacións que enlazará a AP-9 en Neda coa Autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) á altura do enlace de San Sadurniño. Este treito terá as mesmas características que a VAP da Costa Norte e facilitará un acceso directo en vía de alta capacidade comunicando a nova infraestrutura co AG-64 e a Autoestrada do Atlántico. Esta infraestrutura está en fase de redacción do proxecto de trazado e suporá un investimento duns 40 millóns de euros nos seus 8 quilómetros de lonxitude.

Mellora da seguridade viaria na estrada convencional
Igualmente, a CPTOPT xa licitou a pasada semana (DOG 8-1-09) as obras de mellora da seguridade viaria da estrada convencional AC-862 entre Xuvia e o límite provincial. Esta actuación suporá un investimento de 9,7 millóns de euros en 62 quilómetros de estrada e inclúe o reforzo do firme, a mellora da drenaxe e da sinalización, a habilitación de carrís adicionais para facilitar as manobras de xiro e cambio de sentido, a mellora das interseccións, a limpeza das marxes da estrada e a restauración paisaxística.

Todas estas actuacións tanto de construción de vías de alta capacidade como de mellora das estradas convencionais  suporán unha notable mellora da mobilidade e a seguridade viaria no eixo de comunicacións entre Ferrol e o norte das provincias da Coruña e Lugo, o que contribuirá ao reequilibrio territorial e ao impulso económico desta zona.

Exit mobile version