NOTA DE PRENSA
O Partido Popular de Cervo sinala como única responsable do mal estado desta vía durante meses a Lara Méndez e aos seus compañeiros do Goberno provincial xa que, pola súa desidia e despreocupación non consignaron fondos suficientes para finalizar a obra nin acometeron o acondicionamento e mellora provisional desta vía, a pesar do seu estado e pese a comprometerse a elo. Tivo que ser o propio Concello quen asumiu con fondos e recursos propios este arranxo provisional o pasado mes de decembro.
O PP DE CERVO FELICÍTASE DESPOIS DE QUE A DEPUTACIÓN “POR FIN” DESE INICIADOS OS TRABALLOS DE PAVIMENTACIÓN DA ESTRADA RÚA-SAN ROMÁN
* Desde a formación popular atribúen o inicio destas obras á presión exercida polos veciños de ambas as dúas localidades e do propio Goberno municipal quen, en reiteradas ocasións, viña alertando que a vía non reunía os mínimos condicionantes de seguridade para o tránsito de vehículos.
Cervo, 23 de xaneiro de 2009.- Os populares cervenses felicítanse despois de que a Deputación provincial “por fin” dese iniciados os traballos de arranxo e pavimentación da estrada que transcorre entre as localidades de Rúa e San Román de Vilastrofe. O PP cervense atribúe o inicio destas obras á presión exercida tanto desde o propio Goberno municipal como polos veciños de ambas localidades “que ao longo dos últimos meses veñen reclamando de xeito reiterado o arranxo desta vía de titularidade provincial que na actualidade non reúne os mínimos condicionantes de seguridade para o tránsito de vehículos”
DESIDIA DO ENTE PROVINCIAL
A desidia do ente provincial que escusaba a súa negativa a rematar as obras nesta estrada na carencia de orzamento, supuxo o mantemento durante meses dunha situación de grande perigo para os usuarios desta vía, como por exemplo acontecía cos veciños residentes nas parroquias de Rúa e San Román que tiñan que pasar a diario por ela. A devandita circunstancia viña condicionada ademais no feito de que esta é a principal estrada de comunicación destas poboacións co resto do municipio cervense e coas localidades veciñas de Burela e O Valadouro.