Site icon Crónica3.com A Mariña

O deputado do PP Balseiro di que a inoperatividade do Pesca2 é un risco para a vida das persoas

NOTA DE PRENSA

No día de onte o Grupo Parlamentario Popular denunciou que a falta dunha tripulación de reforzo do helicóptero da Xunta con base en Celeiro impediu o traslado aéreo dun enfermo desde o Hospital da Costa ata o centro hospitalario de Santiago de Compostela

BALSEIRO BOTA POR TERRA AS ESCUSAS OFRECIDAS POR SANIDADE E PESCA PARA XUSTIFICAR A INOPERATIVIDADE DO HELICÓPTERO DE EMERXENCIA CON BASE EN CELEIRO E SINALA QUE DE PERSISTIR ESTAS DEFICIENCIAS SE ESTÁ A POÑER EN RISCO A VIDA DAS PERSOAS

* O deputado popular adianta que as informacións ofrecidas no día de onte chegan ao Grupo Parlamentario Popular a través dos familiares do enfermo que permanece grave, ingresado na UCI, tras ter que soportar un traslado por estrada, en ambulancia, durante máis de 3 horas.

* Balseiro insiste na súa denuncia: O helicóptero Pesca 2 permaneceu inoperativo en base, durante toda a madrugada do día 6 de xaneiro, porque a única tripulación dispoñible para pilotalo superou as horas máximas permitidas de voo.

* Os populares reclaman unha vez más o reforzo do cadro de persoal do helicóptero con base en Celeiro, negado por PSOE e BNG na última sesión plenaria.

A Mariña, 9 de xaneiro de 2008.- O deputado autonómico do PPdeG José Manuel Balseiro Orol vén de botar por terra as escusas empregadas polas Consellerías de Sanidade e Pesca da Xunta de Galicia co obxecto de xustificar o acontecido o pasado luns 5 de xaneiro cando a inoperatividade do helicóptero con base en Celeiro -o Pesca 2- imposibilitou o traslado dun enfermo grave do Hospital da Costa ata o centro hospitalario de Santiago de Compostela. O parlamentario mariñán explica que esta denuncia, feita pública no día de onte, procede das informacións facilitadas por un familiar do enfermo que, finalmente, tivo que ser trasladado por estrada, demorando a súa chegada ata Santiago en máis de tres horas.

Balseiro afirma que é tal a descoordinación que reina na administración autonómica que dúas consellerías se están a contradicir. Por unha banda a Consellería de Sanidade mantén que o traslado vía aérea “foi desestimado” e polo outro, desde o departamento que dirixe Carmen Gallego, xustifican que o helicóptero nos despegou de base debido a “circunstancias climatolóxicas adversas”

PACIENTE EN SITUACIÓN GRAVE, INGRESADO NA UVI

O deputado popular entende que non son cribles os argumentos manexados por Sanidade xa que o paciente que debera ser obxecto do traslado aéreo ata Santiago, permanece ingresado na UVI, en situación de gravidade, e sen que poidan coñecerse aínda as secuelas que este cúmulo de deficiencias tiveron no seu estado de saúde. Polo tanto, non é crible nin aceptable que sendo esta a súa situación -estrema gravidade- os facultativos preferiran o traslado por estrada, con máis de 3 horas de duración (tiñan que ir a unha velocidade reducida) que empregado o helicóptero, que reduciría a duración a menos de 60 minutos.

¿O PESCA 2 NON OPERA CON NÉBOA?

Tamén os argumentos empregados pola Consellería de Pesca son endebles, a xuízo do deputado popular que afirma que, escusarse na situación climatolóxica para xustificar que o helicóptero non efectuara o traslado é tanto como afirmar que en situación de néboa, como a que ese día había, non pode saír o principal medio de emerxencia e auxilio marítimo que temos na nosa costa. Balseiro insiste en que durante toda a noite o helicóptero con base en Celeiro permaneceu inoperativo. Todo iso, debido a que os seus tripulantes superaron as horas máximas permitidas de voo e, non existe tripulación alternativa de reforzo.

O deputado popular afirma que non é a primeira vez que acontece e non será a última e vaticina que nestas próximas semanas podería volver a producirse. En todo caso, insiste en dirixir a responsabilidade ata os cargos políticos da Consellería de Pesca deixando claro que o comandante actuou en todo momento de xeito correcto. “Non podían voar máis porque a lei non o permite. Debera ser a Xunta de Galicia quen puxera os medios e o persoal suficiente, contratando unha tripulación de reforzo”.

GARANTIR A OPERATIVIDADE OS 365 DÍAS E AS 24 HORAS

De feito, insiste na necesidade de acometer este reforzo do cadro de persoal que na actualidade tripula o Pesca 2 de tal xeito que poida garantirse a súa eficacia ás 24 horas do día os 365 días ao ano. Lamenta, nesta liña, que PSOE e BNG votaran no pleno do Parlamento de Galicia en contra desta posibilidade e subliña tamén que, deste xeito, se están a poñer en serio risco vidas humanas. “Non nos poden dicir que ante calquera situación de emerxencia marítima ou necesidade de auxilio por emerxencia sanitaria o Pesca 2 non pode empregarse por falta de tripulación suficiente. De feito de ter lugar esa mesma noite un naufraxio como o do Rosamar, hoxe estaríamos lamentando terribles consecuencias, pois os helicópteros máis próximos son o Helimer Cantábrico que ten que vir desde Xixón e o Helimer Galicia con base en Coruña. E, cando se trata dunha operación de salvamento cada minuto conta”- concluíu Balseiro Orol

Exit mobile version