RIBADEO (FNC) .- A Concellaría da Muller de Ribadeo organiza un Obradoiro dirixido aos medios de comunicación da Mariña e do Occidente de Asturias, sobre o tratamento da violencia de xénero.
Trátase dun curso de formación de 4 horas dirixido aos medios de comunicación escritos, dixitais, audiovisuais, radiofónicos e ás axencias de comunicación co fin de mellorar o tratamento informativo da violencia de xénero e contribuir á prevención desta lacra social. Segundo explica a responsable do CIM, Luisa González, “o obxetivo é incorporar boas prácticas nas redaccións a través do coñecemento da terminoloxía básica, da análise da representación nos medios das figuras masculinas e femeninas, da análise do problema e a achega de recomendacións para o tratamento informativo”.
O curso será impartido por Isabel Menéndez, xornalista especializada en xénero e comunicación. É autora da guia que publicou a Secretaria Xeral de Igualdade hai uns meses Medios de comunicación e violencia de xénero, manual de redacción xornalística.
Esta actividade está organizada pola Concellaría da Muller e está integrada no proxecto Un Ribadeo sen violencia e en igualdade, un programa experimental e innovador en materia de prevención e tratamento da violencia de xénero que conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Igualdade.
O obradoiro celebraráse na Casa das Letras este sábado 31 de xaneiro em horario de 10:30 a 14:30. A asistencia é libre para todo o público que poida estar interesado, ademáis de para os representantes dos medios de comunicación.