Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela abre o prazo para participar no programa Vacacións en Paz 2009

BURELA (FNC) .- A Concellería de Benestar Social convida ás familias burelesas a participar no programa Vacacións en paz 2009 que organiza a ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui. Segundo Neves Cando “o programa ten coma obxectivo básico o acollemento temporal nos meses de xullo e agosto de nenos e nenas saharauis no noso país. Un ano máis abrimos o prazo ata finais de mes para que as familias que así o desexen participen nesta cita que, nun marco de solidaridade e axuda desinteresada, pretende dar unha estancia agradable e humanamente rica a estes nenos dos campos de refuxiados de Tinduf e ofrecerles a posibilidade de coñecer outras formas de vida”.

A edil nacionalista engade que “non hai que esquecer a vida destes rapaces nacidos nun exilio que se prolonga desde hai máis de 33 anos nestes campos de refuxiados de Tinduf onde viven nas mesmas condicións que o resto da poboación, privados do máis elemental e sobreviven dificilmente grazas á axuda internacional”.

Neves Cando sinala que “o propósito final para 2009 é que 846 nenos de entre 7 e 13 anos sexan acollidos por familias galegas para facilitarlles asistencia médica e alimentación e ofrecerlles unha alternativa de lecer e tempo libre ademais de perfeccionar o castelá e o galego e sobre todo para evitar a súa estancia en Tinduf nos meses de máis calor nos que poden chegar incluso aos 50º”.

A concelleira de Benestar Social apunta que “o Concello de Burela costeará os gastos de desprazamento destes nenos para que pasen o verán no noso pobo. Facemos un chamamento á colaboración con esta iniciativa e convidos aos interesados a que se dirixan aos Servizos Sociais do Concello en busca de máis información. Quero agradecer ás familias que xa participaron neste programa o seu xesto e tamén ás que o farán neste 2009”.

Exit mobile version