NOTA DE PRENSA
O BNG ESIXE A INMEDIATA REPARACIÓN DO VIAL QUE CIRCUNDA A CASA DO CONCELLO.
Barreiros, 23 de xaneiro de 2009. No pleno que se celebrará o próximo luns en Barreiros, o BNG solicitará o arranxo da rúa que circunvala o concello, na súa saída fronte a oficina de Caixa Galicia. Os nacionalistas aseguran que “o deterioro desta rúa producíuse polo paso de vehículos e maquinaria pesada que utilizaron este vial para acceder ao solar donde se está a construir unha vivenda unifamiliar xusto detrás do Concello. Son xa varios meses os que este vial está a soportar un constante deterioro, coas correspondentes incomodidades para os veciños”.
Desde o BNG lamentan que “desde o concello non se actuara con antelación para prever o deterioro deste vial, esixindo ao promotor as correspondentes medidas para evitar os danos ocasionados no mesmo, ou esixirlle a súa rápida reparación. É tamén chamativo que durante un mes, desde a mencionada obra se estivera bombeando auga continuamente por enriba da rúa, o que acelerou o seu deterioro, sen que desde o Concello se lle fixera ningunha advertencia aos responsábeis”.
O grupo municipal do BNG en Barreiros “considera que o concello debe velar pola conservación dos viais propios, e esixirlle a todos os veciños por igual o cumprimento das normas, independentemente da súa relación co Partido Popular, co Concello ou do cargo que ostenten”.