BARREIROS .- (FNC) O BNG solicitará nos vindeiros días que se convoque unha nova xuntanza da comisión municipal de seguimento da A-8 para analizar as demandas plantexadas nos encontros mantidos con algunhas asociacións veciñais. O concelleiro, Xesús Díaz, explica que “vai pasando o tempo e vemos que a comisión de seguimento das obras da autovía A-8 non avanza. Desde a súa constitución só se reuniu unha vez, polo que desde o BNG imos pedir un novo encontro para comentar os acordos que se tomaron cos veciños das parroquias visitadas polos membros desta comisión”.
Segundo o edil nacionalista “en Celeiro de Mariñaos, por exemplo, xa se están a acometer os traballos demandados polos veciños, por parte da empresa que constrúe este tramo de autovía. Eles foron os primeiros que mandaron un escrito recollendo os problemas que estaban a sofrir con estas obras”.
O BNG denuncia que “o Concello ainda non lles remitiu ás asociacións veciñais a circular que se acordou enviar na primeira xuntanza da comisión para que estes colectivos fixesen un listado das necesidades de cada parroquia. Ese foi un compromiso adquirido na comisión de seguimento das obras da autovía e queremos que se cumpra”. Xesús Díaz lembra que “o BNG (xunto cos outros partidos da oposición) foi o que propuxo a creación desta comisión de seguimento para velar polos intereses dos veciños de Barreiros e seguiremos pulando para que teña efectividade e continuidade”.