Nota de Prensa (FNC)
O BNG DA MARIÑA CRITICA OS CRITERIOS SEGUIDOS PARA O REPARTO DE AXUDAS ÁS ENTIDADES ASOCIATIVAS POR PARTE DO PSOE NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO. OS NACIONALISTAS DEMANDAN PARA 2009 UNHAS NOVAS BASES PARA DITA LIÑA DE AXUDAS.
A Mariña, 8 de xaneiro de 2009. O BNG da Mariña critica os criterios seguidos para o reparto de axudas ás entidades asociativas e agrupacións de veciños para a realización de obras por parte do PSOE na Deputación Provincial de Lugo. A Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego da Mariña considera que esa liña de axudas é un calco do antigo Plano de Cooperación de Comunidades Veciñais. Xosé Ramón Ermida considera que “a agrupación veciñal non é nin máis nin menos que aquela fórmula perversa que durante 24 anos utilizou o Partido Popular na era Cacharro para repartir as famosas carpetillas”.
Ao BNG non lle parece de recibo que os 2.200.000 euros fosen repartidos entre 291 colectivos ou agrupacións e que outros 275 proxectos quedasen sen axudas e sen explicarlles as razóns da súa denegación. Ermida Meilán sinala que “moitos deses proxectos rexeitados foron presentados por asociacións legalmente constituidas e cunha traxectoria de traballo de moitos anos. O BNG demanda para o 2009 unhas novas bases para esta liña de axudas en concordancia co programa de democratización da Deputación que sustenta o actual goberno”.
A Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego da Mariña pon coma exemplo os criterios seguidos polas áreas da Deputación dirixidas polo BNG, e sinala que en Cultura e Deportes para beneficiarse das súas liñas de axuda os colectivos ou entidades tiñan que ser asociacións legalmente constituidas… neste caso foron atendidas a totalidade das solicitudes presentadas que se axustaban ás bases. En total un milleiro de colectivos de toda a provincia contan con axudas das áreas de goberno nacionalista para desenvolver as súas programacións. Ramón Ermida engade que “o mandato da maioría de lucenses que no seu momento propiciaron o cambio de goberno na Deputación esixe hoxe un cambio de políticas e non de persoas”.
————————-
————————-
POSICIÓN POLÍTICA DA ASEMBLEA COMARCAL DO BNG DA MARIÑA SOBRE A CONCESIÓN DE AXUDAS NA DEPUTACIÓN DE LUGO.
1º) A Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego da Mariña, celebrada o 2 de Xaneiro de 2009, acordou denunciar os criterios seguidos polos adxudicadores das subvencións a entidades asociativas e agrupacións de veciños para realización de obras, posto que a referida liña de axudas é un calco do antigo Plano de Cooperación de Comunidades Veciñais. Non hai mellor exemplo do que estamos a dicir, que dentro desta orde seguen a ser beneficiadas agrupacións veciñais non legalmente constituídas, o que dá pé á máis absoluta discrecionalidade. Neste sentido lamentamos que o Grupo Provincial do Partido Socialista siga o mesmo criterio que aplicou o Partido Popular durante 24 anos, modificando agora que está no Goberno a súa posición tradicional sobre as famosas “carpetillas”.
2º) Asemade a Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego da Mariña, celebrada o 2 de Xaneiro de 2009, decidiu esixir do grupo provincial socialista a revisión das bases polas que se concederon as mesmas, posto que carecen de baremo de puntuación e non se acredita a solvencia do beneficiario ao non tratarse de asociacións legalmente constituídas. Non nos parece de recibo que os 2.200.000 Euros foran repartidos entre 291 colectivos ou agrupacións, ficando sen ningún tipo de axuda 275 proxectos sen explicar as razóns da súa denegación, moitos deles presentados por asociacións legalmente constituídas e cunha traxectoria de traballo de moitos anos. Sen entrar a valorar a significación e os nomes daquelas persoas que se agochan detrás das “agrupacións de veciños” que manexan as “novas carpetillas”, o Bloque Nacionalista Galego da Mariña demanda para 2009 unhas novas bases para esta liña de axudas en concordancia co programa de democratización da Deputación que sustenta ao actual Goberno.
3º) Xa por último a Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego da Mariña, celebrada o 2 de Xaneiro de 2009 quere contrapor o modelo de reparto de subvencións seguido polo grupo provincial socialista que non difire non substantivo do aplicado nos 24 anos de goberno popular, cos criterios seguidos polas áreas de goberno da Deputación dirixidas polo BNG Neste sentido hai que destacar que nas liñas de axuda de cultura e deportes para poder ser beneficiarios tiñan que tratarse de asociacións legalmente constituídas e destacar tamén que foron atendidas a totalidade das solicitudes presentadas que se axustaban as bases, estas si con baremo. Tanto é así que perto dun milleiro de colectivos da provincia contan con axudas das áreas de goberno nacionalista para desenvolver a súa programación. O mandato da maioría de lucenses que no seu momento propiciaron o cambio de goberno na Deputación esixe hoxe como daquela un cambio de políticas e non de persoas.
Na Mariña a 2 de Xaneiro de 2009.
Pola Asemblea Comarcal do BNG da Mariña.
Xosé Ramón Ermida Meilán