Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde valora os danos do temporal no concello de Ribadeo

RIBADEO .- (FNC) O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, tildou de auténtico ciclón o temporal que causou importantes danos esta fin de semana neste concello. Suárez Barcia sinalou que na noite do venres ao sábado o servizos de Protección Civil e a Garda Civil “traballaron sen descanso para tentar axudar en todo o que puidemos e quero agradecerlles todo o que fixeron. Puiden acreditar cos meus propios ollos o auxilio que lles tivemos que dar a dúas anciáns que vivían soas. Nun dos casos un refacho de vento arrincou o tellado da casa e no outro en Piñeira a cuberta da vivenda quedou moi afectada”.
O rexedor asegurou que “temos danos importantes na cuberta da piscina municipal e nunha pista cuberta do colexio público; hai danos tamén moi importantes nunha empresa de conxelados en Vilaselán… caeron á vía pública: lousas, tellas e outros obxectos que estropearon algúns coches. Incluso o GRUMIR tivo que tirar varias chimeneas para evitar males maiores. Caeron postes do tendido eléctrico, árbores que cortaron varias pistas municipais e agora que son as 11 da mañá seguimos sen luz na parroquia de Couxela, no núcleo de Piñeiro e nunha parte de As Anzas”. Fernando Suárez engadiu que “levo toda a fin de semana en contacto con Begasa e coas empresas que traballan para recuperar o suministro eléctrico e dinme que nestas zonas se restablecerá nas vindeiras horas”.
O alcalde apuntou a unha circunstancia extrema que se deu esta fin de semana en Ribadeo “o Centro de Saúde non tiña un grupo autónomo que lle permitira traballar e tivemos que cederlles o noso… tivemos que renunciar a darlle uso noutras instalacións públicas porque considerábamos importante que o PAC tivese un mínimo vital de prestacións para traballar”.

Exit mobile version