Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo satisfeito coas actuacións do Xacobeo no 2009

RIBADEO (FNC) .. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase moi satisfeito co anuncio realizado este mediodía polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, das obras que acometerá o Xacobeo no concello durante o 2009.

Suárez sinala que “vanse por fin reanudar e rematar as obras da rúa Deputación que estaban paradas desde hai meses por diferencias coa empresa executante e por deficiencias tamén desa obra. Agora farase o tramo pendente que conta cun presuposto de 350.000 euros e que vai adxudicar en breve o Xacobeo para poder rematar o que é unha parte importante do Camiño Norte de Santiago ao seu paso por Ribadeo, concretamente no tramo urbano”.

O rexedor ribadense tacha de “moi importante e de moita relevancia de cara ao turismo, de cara aos veciños e de cara á recuperación do noso patrimonio no que ten que ver co casco vello, a outra obra prevista para este 2009 que é a rehabilitación e a conversión do antigo colexio das monxas na rúa Trinidade nun auténtico albergue de peregrinos”. Fernando Suárez destaca que “será un dos máis importantes albergues do país e o máis importante do Camiño Norte. Terá 80 prazas e o investimento estará preto dos dous millóns de euros. A recuperación deste edificio, que estaba nun estado semiruinoso na actualidade e que era propiedade do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, será posible a través do convenio asinado no seu día coa Consellería de Innovación e Industria. O Bispado cede durante un longo período de tempo esas instalacións e a cambio Innovación e Industria encárgase da rehabilitación e convérteo nun auténtico albergue de peregrinos que dinamizará esa parte da vila e que vai ser unha xoia recuperada para seguir poñendo en valor o noso tan importante casco vello”.

A outra actuación do Xacobeo prevista para este 2009 en Ribadeo é a rehabilitación da capela de Vilaframil.

Exit mobile version