Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo buscará en Santiago “saídas dialogadas e consensuadas” ao plan sectorial de Vivenda

RIBADEO .- (FNC) O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, conseguiu concertar unha xuntanza para o vindeiro luns 12 de xaneiro en Santiago co fin de analizar o plan sectorial de vivenda da Xunta. O encontro será con responsables de Consellería de Vivenda e Solo e ao mesmo están convidados os voceiros municipais de Ribadeo.
Suárez Barcia asegura que “o goberno municipal está traballando con ánimo de buscar saídas dialogadas e consensuadas con respecto ao plan sectorial de vivenda, dado que está sendo rexeitado por parte dos tres grupos da oposición. A nós este plan parécenos fundamental para Ribadeo, pero como goberno municipal non queremos ter unha postura encasillada e tratamos de buscar diálogo.  Por iso conseguín que responsables da Conselleria de Vivenda e Solo nos reciban a min, como alcalde, e aos portavoces de tódolos grupos da corporación en Santiago o luns ás cinco da tarde para ter unha reunión co director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino; co delegado provincial da Consellería de Vivenda, Cosme Pombo, e co redactor do plan sectorial de vivenda protexida. O obxetivo é dialogar e buscar unha saída a esta circunstancia”.
O rexedor engade que “desde o Concello parécenos un tremendo erro que Ribadeo se poida quedar sen un plan de vivenda cunha importante inversión, con vivenda protexida para un abano importante da poboación ribadense, para a dotación de espazos públicos e tamén para darlle un impulso ao sector da construcción neste momento de crise económica”.
Fernando Suárez explica que “xa onte púxenme en contacto con tódolos portavoces para convidalos á reunión do luns en Santiago”.

Exit mobile version