Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo visita as vivendas que aínda non teñen luz

CERVO .- O Alcalde de Cervo visitou na mañá de hoxe as vivendas situadas en varios puntos do termo municipal cervense nas que, cando pasan sete días do inicio do temporal de vento, aínda non se ten recuperado o subministro eléctrico. Villares salientou os múltiples prexuízos que esta situación provoca para os residentes nestas áreas sen luz eléctrica e reclama que se lle dea unha solución urxente “Aínda que desde a empresa e desde a Xunta se nos estea a dicir que foi reposto o 98% do servizo eléctrico, ese 2% restante, non o debemos esquecer, está sufrindo e pasándoo mal.
“O problema foi tan gordo que, como ninguén da Xunta tomou cartas no asunto facendo algo contundente, atopámonos aínda con este tipo de problemas” explicou o Alcalde “De feito a propia xente nos contaba que non era aceptable que houbera máis operativo rodeando a Touriño cando veu a visitar o concello, días despois do temporal, que operarios da Xunta colaborando cos do noso concello no momento de producirse o sinistro”
Precisamente o primeiro edil está a supervisar as actuacións das brigadas municipais que están a traballar na reparación e valoración dos estragos que se rexistraron nos bens e infraestruturas de titularidade municipal, así como tamén se interesa polos danos ocasionados nos fogares, vehículos, explotacións agrícolas e forestais particulares.

SUSPENDIDO A VISITA A FITUR
Por todo iso o Alcalde de Cervo decidiu suspender a visita que tiña prevista levar a cabo esta mesma mañá á feira de turismo FITUR. O rexedor municipal entende que “ata que non se restableza a normalidade no noso concello é aquí onde debemos estar. Ao lado da xente.”

250.000 EUROS EN PERDAS VALORADAS
Por outra banda a oficina municipal de atención aos damnificados polo temporal, aberta na Casa do Concello o pasado luns, xa atendeu a preto dun centenar de veciños e empresas que deron conta de danos que ascenden a 259.558 euros. Desde o Concello de Cervo subliñan a importancia de contactar coa compañía aseguradora naqueles casos nos que o sinistro este cuberto polas condicións da póliza do seguro. Ao mesmo tempo que tamén nesa oficina poden cursar as súas reclamacións na oficina de consumidores, neste caso, para dar conta das perdas derivadas da prolongada interrupción do subministro eléctrico.

Exit mobile version