BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, tilda de positiva a visita que hoxe cursou á vila o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Rexedor e presidente asinaron un convenio de colaboración de asistencia, apoio e ordenación de recursos humanos; un protocolo para a instalación dun parque de xogos infantís e outro convenio para realizar os desbroces das estradas de titularidade provincial.
Llano sinala que “o convenio relativo ós recursos humanos permitiranos culminar ben o proceso de organización que estamos levando adiante no Concello; o protocolo para a instalación de xogos infantís está dotado con 42.000 euros e vai supoñer a colocación dun xogo que ten moito que ver con Burela. Trátase dun barco que imos poñer no parque Rosalía de Castro. E o convenio do desbroce permitiranos contratar con máis axilidade estes traballos nos momentos nos que sexa necesaria a súa realización”.
O alcalde e o presidente da Deputación visitaron despois a zona do Perdouro “tentaremos que se culmine o antes posible para que en febreiro ou marzo funcione xa como polígono industrial comercial. Alí contaremos cun espacio de máis de 45 ou 50.000 metros cadrados”.