Nota de Prensa
O BNG SEGUE A TRABALLAR DESDE AS INSTITUCIÓNS PARA QUE A MARIÑA RECUPERE A NORMALIDADE TRAS O TEMPORAL DESTA FIN DE SEMANA. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE OS DANOS SON ELEVADOS PARA O SECTOR FORESTAL.
A Mariña, 28 de xaneiro de 2009. O BNG da Mariña amosa a súa sensibilización e preocupación ante o durísimo temporal que sufriu a comarca a pasada fin de semana. O candidato, Manuel Parga, di que “temos que ter consciencia da súa gravidade porque ese temporal arrasou moitos kilómetros do tendido eléctrico, supuxo grandes perdas no sector forestal e provocou moitos danos a particulares e empresas. Por eso queremos amosar a nosa solidaridade cos veciños desta comarca”.
Parga sinala que “o BNG desde as súas responsabilidades de goberno, desde as institucións ou alí onde está presente, estivo traballando desde o primeiro momento poñendo os medios ao seu alcance para paliar os efectos desta crise e vai seguir estando aí para dar resposta aos problemas que están aínda sen solucionar como é o caso do abastecemento de enerxía eléctrica nalgúns puntos da comarca, pero tamén estamos aí para dar resposta ás perdas e aos deterioros que se produciron”.
Desde o Bloque Nacionalista Galego na Mariña anuncian para hoxe a visita que cursará o delegado de Medio Rural a concellos coma Cervo, O Vicedo e Ourol “para ter unha visión clara dos efectos que se produciron fundamentalmente no eido do medio rural e avaliar as perdas do sector forestal. A disposición será total desde os efectivos da empresa SEAGA para a limpeza e o mantemento de pistas forestais e de camiños para que queden limpas e expeditas… xa se estivo a facer estes días, pero eses traballos continuarán”.
Manuel Parga anuncia “unha xuntanza para a vindeira semana con representantes de todos os Concellos, con responsables dos productores de madeira da Mariña e Medio Rural para avaliar todas as perdas que serán bastante elevadas na nosa comarca e dar respostas aos afectados”. O deputado e nº 3 da lista do BNG pola provincia de Lugo engade que “estaremos moi pendentes de situacións coma as que se están a producir coa falla de electricidade. Desde a Consellería de Innovación e Industria a parte de esixirlles solucións ás empresas que son as responsables do mantemento das liñas e do abastecemento de luz aos usuarios, ofrecemos colaboración permanente aos veciños para que núcleos coma Ourol poidan ter xeneradores e así manter os alimentos nos seus conxeladores e a actividade da súa vida diaria. Innovación e Industria colabora co Concello de Ourol. Todo o que poidamos facer ante un temporal que non ten precedentes na nosa comarca se está a facer e só podemos amosar a nosa preocupación e sensibilización co acontecido”.