CERVO .- O Pleno do Concello de Cervo vén de aprobar a conta xeral do exercicio 2007, isto é o instrumento que reflicte de xeito ordenado e sistematizado as cifras máis representativas da execución e liquidación do orzamento, os movementos e situación da tesourería e a xestión do patrimonio nese ano de referencia. Deste xeito o Goberno Municipal cumpre coa súa obriga de render contas ante o órgano de fiscalización das entidades locais, en Consello de Contas, tal e como establece a lexislación vixente.
DOUS MILLÓNS MÁIS EN INVESTIMENTOS REAIS
Da análise deste documento contable despréndese que durante o 2007 o Concello de Cervo incrementou o seu investimento en preto de dous millóns de euros, máis dun 500% respecto do establecido no ano anterior e, todo iso, sen necidade de acudir ao endebedamento bancario. Máis investimento que se materializou principalmente en novas construcións (remate da Casa da Cultura e do Auditorio Municipal, urbanización de contornos -alumeado público, saneamento e pavimentación, mellora na rede de centros sociais, etc) e maquinaria (compra do vehículo de bombeiros e intervención rápida, adquisición do novo camión de recollida de lixo, … etc).
SEN INCORRER EN DÉBEDA BANCARIA
Desde o Goberno municipal insisten en salientar que este esforzo inversor efectuouse sen necesidade de concertar ningún tipo de nova operación de crédito con bancos ou caixas e, polo tanto, financiouse con cargo a subvencións e outras achegas pero non a costa de xerar máis débeda como acontecía no pasado.
Por outra banda, do contido da conta xeral tamén se desprende un importante esforzo en materia de gastos de persoal. No 2007 o Concello de Cervo tratou de contribuír a xerar emprego na nosa comarca e mellorar con iso os servizos públicos que se lle prestan aos cidadáns.
PROMOCIÓN DA ACTIVIDADE ASOCIATIVA
Destaca tamén o esforzo acadado en materia de promoción, fomento e colaboración coas distintas asociacións para a realización de actividades deportivas, culturais e lúdico-festivas. Preto de 120.000 destináronse a axudas directas a estes colectivos e para a promoción das festas que se desenvolven no conxunto das parroquias do termo municipal.
SENTENZAS FAVORABLES
Os resultados dos distintos contenciosos nos que está inmerso o Concello de Cervo tamén supoñen unha nova positiva para as arcas municipais e así o subliñan desde o Executivo local. As últimas sentenzas que acreditan a privatización irregular dos servizos de auga, saneamento e lixo -caso SUMIGES- a instancias do anterior Goberno municipal socialista e os fallos favorables respecto do plan de investimentos e asfaltados PLACER, supoñen un aforro superior aos cinco millóns de euros, isto é, unha cantidade equivalente ao total do orzamento corrente nun exercicio normal.
PLAN AUSTERIDADE
Segundo a conta xeral o remanente de tesourería ofrece un resultado negativo, polo o Concello de Cervo adoptará as medidas oportunas, e legalmente previstas, para sanear a súa situación económica. Fundamentalmente trátase da posta en marcha dun plan de austeridade e de reflectir nos vindeiros orzamentos unha cantidade de superávit similar ao remanente negativo contraído. En todo caso desde o Goberno municipal non queren esquecer que nun contexto xeral de crise como o actual é preciso seguir apostando por realizar un esforzo desde os distintos entes locais para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos e, de xeito especial manter o esforzo naqueles gastos e investimentos que teñen un alto interese social. Ao mesmo tempo o feito de manter un alto nivel de investimento por parte dos distintos concellos contribúe a incentivar a economía local.