CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, confirmou que con cargo aos fondos estatais de investimentos locais destinados a este concello (845,000 euros) crearanse 42 postos de traballo entre os nove proxectos presentados dentro desta vía de financiamento. Nas dúas últimas Xuntas de goberno acordouse destinar a achega que lle corresponde ao concello dentro do Fondo Estatal de Investimento Local: 845.000 euros. O alcalde cervense, Alfonso Villares, destacou que esta cantidade servirá para o financiamento dun total de nove actuacións nas zonas urbanas e rurais do municipio.
Villares explicou que estas obras foron elixidas polo Goberno Municipal despois de valorar as suxestións dos alcaldes pedáneos das distintas parroquias e de facer un estudo pormenorizado das necesidades do municipio. As obras propostas polo Concello de Cervo contemplan á adecuación e acondicionamento dun terreo no contorno da piscina municipal de Lieiro. Nesta área o Concello está a estudar a posibilidade de instalar o novo cemiterio municipal. “Estamos a recabar as autorizacións oportunas para levar adiante este proxecto, e de non poder construír alí o cemiterio destinaremos os terreos a outro tipo de servizos de interese xeral” puntualizou o alcalde.
O Concello tamén ten previsto executar a apertura dun novo vial en Cervo dende o Centro de Saúde ata a praza Federico Mon e prevé tamén realizar o acondicionamento e melloras de distintas vías e rúas do municipio coma as de As Areas, Rosalía de Castro e O Torno na vila de San Cirpián e noutras vías de Cervo, san Román e Lieiro. Cos fondos desta iniciativa, o Goberno local tamén ten previsto realizar a conexión da rede de saneamento no lugar coñecido coma “O Tellado” en Espiñeirido e acometer o acondicionamento e mellora do camiño que une os lugares de Trasbar e A Estivada.
MELLORAS MEDIOAMBIENTAIS
Tamén se destinará parte destes fondos a obras de mellora medioambiental e de adecuación de carácter recreativo en zonas de Lieiro, Cuiña, Vila de Suso e San Román de Vilastrofe. O Concello solicitará así mesmo fondos para a instalación de proteccións peonís en diversos puntos do municipio.
A relación de obras que Cervo solicitará dentro do Fondo Estatal de Inversións Locais dende o Concello de Cervo é a seguinte:
Nome da Obra | Orzamento | Traballadores a ocupar |
Acondicionamento de terreo para instalacións municipais no contorno da Piscina Municipal de Lieiro | 132.445,49 € | 4 |
Apertura nova rúa en Cervo dende o Centro de Saúde ata a Praza Federico Mon | 197.246,56 € | 4 |
Acondicionamento das rúas As Areas e Rosalía de Castro (San Ciprián) | 83.839,14 € | 4 |
Conexión de rede de saneamento no lugar de “O Tellado” (Espiñeirido) | 61.014,46 € | 4 |
Acondicionamento e mellora de vías municipais | 49.840,00 € | 4 |
Acondicionamento e mellora do camiño Trasbar-Estivada | 56.387,33 € | 4 |
Instalación de proteccións peonís | 36.340,16 € | 2 |
Acondicionamento e mellora de servizos na rúa do Torno (San Ciprián) | 35.787,40 € | 4 |
Obras de mellora medioambiental, adecuación de 4 zonas con carácter recreativo e acondicionamento de 7 viais do Concello. | 192.395,36 € | 12 |
TOTAL | 845.295,90 € | 42 |