Site icon Crónica3.com A Mariña

Celso Dourado expón no Museo Provincial de Lugo “Arredor do debuxo”

RIBADEO .- (FNC) O Museo Provincial de Lugo acolle unha exposición do artista barreirense Celso Dourado. Arredor do debuxo é, en verbas do autor, “unha retrospectiva que está concibida coma un recopilatorio da miña obra onde o debuxo é o eixo fundamental que o conduce”.

Na exposición poderanse ver 70 obras “todas con carácter figurativo e unha temática surrealista, como un realismo onírico. Hai distintas temáticas agrupadas en series: unha chamada Olladas, onde o rostro humano é o protagonista, e outra denominada Mímicas, coas mans coma motivo principal e a linguaxe específica das mans”, segue a contar Celso Dourado.

As técnicas empregadas na súa traxectoria son “a táboa, queimaba as madeiras con distintos procedementos entre eles a pirografía. Hai unha evolución onde o grafito e o lápiz son o elemento principal e despois hai unha representación do bolígrafo tamén coma ferramenta principal… os debuxos foron feitos de bolígrafo sobre distintos soportes e con diferentes cores”.

Arredor do debuxo estará aberta no Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 4 de febreiro. O acto de inauguración de hoxe contará coa actuación musical de Mini e Mero, dous bós amigos de Celso Dourado.

Biografía

Celso Dourado naceu en 1960 en Barreiros (Lugo). Á idade de 8 anos sofre un accidente que lle amputa ámbalas dúas mans, feito que marcará tanto a súa existencia coma a propia obra. Realiza estudos de arte en Madrid, Lugo e A Coruña. Expón con regularidade a partir dos anos 80 e colabora como ilustrador nalgunhas publicacións.

A finais dos 80, inicia un proxecto que lle ocupará varios anos. Consiste na creación dun espazo persoal, realizado con materiais de refugallo na súa maior parte; alberga vivenda, obradoiro e unha exposición permanente, que ten previsto inaugurar este verán.

Exit mobile version