Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela vai recuperando a normalidade despois do temporal

BURELA (FNC) .- Burela vai recuperando pouco a pouco a normalidade, segundo o alcalde, Alfredo Llano “despois que onte ás dúas e media recuperásemos o subministro eléctrico”. O rexedor asegura que “tivemos moitos danos materiais, pero o máis importante desgraciadamente foi a perda da vida dun sarxento da Garda Civil que foi enterrado onte”.

Llano explica que “resultaron moi afectadas as instalacións de Astilleros Armón porque o vento levou unha parede enteira, caeron moitos obxectos ás rúas: cornixas, chemineas, persianas… houbo danos no campo de fútbol e no cemiterio, incluso tamén no hospital”. O alcalde engade que “xa se foron limpando as rúas e as vías de acceso a Burela onde tamén caeron árbores. As empresas que tiñan obras en construción perderon moito do seu material pola forza do vento… pero vendo hoxe Burela a vila xa ten aspecto de estar máis ou menos normalizada”.

Alfredo Llano di que “estivemos moi preocupados pola falla de luz e polos danos causados con esta incidencia nos comercios, nos bares, nas industrias. Nós chegamos incluso a ter xa problemas de abastecemento de auga onte aínda que non foi a máis porque a luz volveu a mediodía”. O alcalde burelés subliña que “agora estamos a cuantificar e a valorar os danos ocasionados por este temporal…onte xa dixo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na visita que cursou a Burela que haberá axudas para os damnificados e nese sentido seguiremos a traballar”.

Exit mobile version