BURELA (FNC) .- O Concello de Burela ven de recibir unha subvención de preto de 8.000 euros da Área de Cultura e Deporte da Deputación que se destinará a investimentos culturais e deportivos feitos ao longo do ano 2008. A responsable de Cultura, Neves Cando, asegura que neste departamento “emprendemos o ano pasado melloras na Casa da Cultura que realizamos grazas a unha subvención da Consellería do ramo por importe de máis de 17.000 euros. Melloramos a dotación escénica do auditorio cun equipo de son e luz necesario para situar esta nosa infraestrutura cultural entre as mellor dotadas da comarca. Nunha segunda fase apostamos polo audiovisual e instalamos no auditorio un canón de proxección de grande calidade e proximamente contaremos cunha pantalla de proxección fixa de grandes dimensións co fin de mellorar as condicións técnicas desta instalación e dar cabida a máis proxectos audiovisuais no noso concello. É para esta pantalla para que agora recibimos 3.000 euros da Área de Cultura e Deporte da Deputación”.
A concelleira nacionalista engade que no ámbito do deporte “completamos no 2008 a dotación dos pavillóns Vista Alegre e dos institutos. Unha vez concluídas as obras de ampliación e mellora realizadas no Vista Alegre instalamos unha grada supletoria móbil para a que recibimos unha subvención de 7.000 euros da Consellería de Cultura e Deporte; contamos tamén cunha nova megafonía, arranxamos os locais para as escolas deportivas e os clubs de baloncesto e fútbol sala femininos, adquirimos un novo marcador e renovamos a sinalización da pista deportiva para a que recibimos agora máis de 3.000 euros da Deputación”.
Neves Cando segue a contar que “no pavillón dos institutos instalamos un novo marcador e canastras de baloncesto eléctricas para mellorar a cada vez máis intensa actividade deportiva que alí se rexistra. Agora contamos con máis de 1.800 euros desta axuda para as actividades deportivas que alí se desenvolven dentro das escolas deportivas municipais e de organización das ligas locais de fútbol sala”.
Segundo a concelleira de Cultura e Deportes “só en equipamentos culturais e deportivos no 2.008 en Burela realizouse un investimento de 90.000 euros, dos que a terceira parte foron subvencións aportadas pola Consellería de Cultura e Deporte e pola Área de Cultura e Deporte da Deputación Provincial de Lugo”.